As entidades e colectivos implicados no proxecto, entre elas a Ría da Estrela, mantiveron unha reunión en Carnota
Santiago Freire asegura que “Volta de Gloria é unha aposta estratéxica”, se ben lembra que “tanto a xestión como os esforzos económicos para a súa promoción teñen que ser compartidos”
A Volta de Gloria está cada vez máis preto de converterse nunha realidade. O Concello de Carnota vén de acoller unha concorrida reunión entre representantes de administracións e asociacións turísticas dos xeodestinos Ría de Muros Noia e Costa da Morte implicados na posta en marcha deste itinerario turístico e cultural. Unha iniciativa que podería comezar a funcionar na primavera de 2025 e que será presentada oficialmente en FITUR, pois suporá a creación dun itinerario turístico sobre dous xeodestinos: a Ría de Muros-Noia e a Costa da Morte.
A reunión de Carnota tiña como obxectivo informar aos asistentes sobre o proxecto de delimitación do itinerario, así como debater sobre a xestión e promoción da Volta de Gloria. Neste sentido, o presidente da Ría da Estrela, Santiago Freire, asegura que “para nós Volta de Gloria é unha aposta estratéxica e por iso non tivemos ningunha dúbida á hora de implicarnos no impulso inicial do proxecto”. Porén, Freire Abeijón tamén fixo fincapé en que “temos que ser conscientes de que este itinerario transcorre por dous xeodestinos diferentes, polo que a xestión e os esforzos económicos para promover a Volta de Gloria teñen que ser compartidos”.
Xestión do proxecto
Un punto no que coincidiron todos os presentes na reunión: Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota e anfitrión do encontro; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee; Caridad González, concelleira de Cultura e Turismo de Muros; Pepe Formoso, presidente de APTCM e secretario da CMAT-Xeodestino Costa da Morte; José Senande, presidente de Hostalaría Ría da Estrela; Antonio González, vicepresidente da Asociación Solpor; ademais de diversos técnicos de turismo dos concellos implicados e o propio Santiago Freire, presidente da Ría de Muros Noia.
A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, sinalou que “Cee vai estar plenamente implicado na posta en marcha e Xestión de Volta de Gloria. Tratase dun proxecto cun potencial enorme, pola dimensión paisaxística e cultural, e cunhas posibilidades de dinamización económica da banda litoral dos municipios afectados moi grande. Todo elo, unido a que o seu trazado por Cee coincide coa Senda do Litoral”.
Os representantes das distintas asociacións turísticas reunidas en Carnota comprometéronse a trasladar o estado do proxecto ás súas xuntas directivas, así como a estudar as posibilidades de participar na xestión e financiamento do mesmo. Caridad González, concelleira de turismo de Muros, insistiu en que “dado o carácter do proxecto, dende o Concello de Muros imos trasladalo a todos os colectivos de ámbito municipal, asociacións de empresarios, culturais e comunidades de montes, entre outros”. De feito, na próxima reunión, que está prevista para o próximo mes de xaneiro, agárdase poder definir as responsabilidades de xestión do proxecto.
Traballos de delimitación
Por outra banda, a reunión serviu tamén para presentar o traballo de delimitación do itinerario que definitivamente vai seguir a Volta de Gloria e que foi realizado por Antón Pombo, José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra, tres dos profesionais con máis traxectoria e experiencia nos Camiños xacobeos. O traballo de delimitación do trazado consta dunha exhaustiva documentación e análise de variantes sobre decenas de quilómetros de camiños, sendas e estradas entre a Igrexa de Santa María da Xunqueira de Cee e o porto de Muros, dende onde o navegante veneciano Pietro Querini comezou a súa peregrinación ata Santiago a principios do século XV.
Un aspecto moi valorado polos asistentes foi o intensa labor de coordinación e negociación co equipo redactor do proxecto de Senda Litoral de Galicia, promovida pola Xunta de Galicia, e que fai que coincidan no 100% co itinerario de Volta de Gracia entre Cee e Muros. Esta coincidencia supón unha innegable vantaxe de racionalización de recursos públicos e limitación de impactos de ambos itinerarios. De feito, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota que é o concello con máis percorrido do novo itinerario, afirmou que “estamos moi satisfeitos co resultado do traballo porque, gracias ao mesmo, dispomos dun documento que racionaliza o trazado de rutas, vital para un concello como Carnota cunha franxa practicable tan estreita e sempre virada cara á costa”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.