En relación coa denuncia presentada por un veciño de Cambre –apoiado por PSOE, PP e BNG- reclamándolle ao Concello de Oleiros 615.000 euros por unha presunta caída mentres paseaba un can no Parque do Seixo, o Tribunal Supremo acaba de ratificar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia favorable ao Concello, que xa desestimaba por “contraditorios” e “incoherentes” os argumentos do demandante. O TSXG indicaba que “todo apunta a outra orixe das lesións padecidas, posiblemente en data distinta, anterior e noutro lugar”.
Tal e como recollía a sentenza, “a versión dada polo demandante nada ten que ver co parte médico elaborado no CHUAC”. As datas que indicaba o denunciante e as dos informes médicos non coincidían. Ademais, o médico declarou que é “case imposible” saír dun embarcadoiro de tres metros con fracturas de clavícula, vértebras e hipotórax esquerdo. Segundo o médico o demandante atopábase “baixo os efectos das drogas”.
Non había unha soa testemuña que presenciase a presunta caída, de madrugada. Non existía aviso ningún á Policía. Mentres a muller do demandante dicía que o atoparon inconsciente, o persoal de urxencias afirmaba que estaba consciente. Os efectivos médicos tampouco viran o can no lugar dos feitos, e que supostamente provocara a caída ao embarcadoiro, que o demandante dixo estar sen auga, cando realmente a marea estaba chea.
Malia a existencia deste cúmulo de contradicións e o intento por parte do demandante de obter en concepto de indemnización 615.000 euros das arcas municipais; o BNG, PSOE e PP deron pábulo ao demandante co único fin de desgastar ao Goberno municipal, sen importarlles o grave prexuízo que se pretendía causar á economía do Concello.
Esta nova resolución do Tribunal Supremo inadmite a reclamación, ratificando a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia excluía de calquera responsabilidade ao Concello de Oleiros polas “innumerables dúbidas en torno á veracidade do alegado” polo veciño de Cambre, que deberá aboar novamente ao Concello as costas procesais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.