A Casa da Cultura encheuse esta mañá de risas e números abraiantes coa Gala de Circo que nos ofreceu Culturactiva. Un espectáculo organizado polo Concello para a comunidade educativa do CPI San Sadurniño co que a cativería practicamente lle di adeus á escola por este ano, xa que mañá marchan de vacacións.
O show foi posible gracias ao programa Dinamiz-ARTj financiado polo Instituto para a Transición Xusta nas zonas afestadas pola descarbonización enerxética.
E, seguindo con este xoves de inicio da programación de Nadal, este mediodía tamén se disputou na Galería do Concello un intenso e entretido torneo de xadrez, organizado polas áreas de Cultura e Deportes coa colaboración do CPI e, sobre todo, da Asociación Galega de Xadrecistas, quen fai un grande labor de difusión e dinamización desta disciplina estratexia.
Aproveitamos para lembrar as actividades previstas en San Sadurniño para esta fin de semana:
Sábado 21, 18:00h, Ruada do Apalpador entre o CPI e a Praza Ramón Díaz Raña:
O Apalpador chegará a San Sadurniño para cerciorarse de que a rapazada está ben mantida e para tomar nota dos seus desexos de cara a estas festas e o ano que entra. O pandigueiro andará xa o venres 20 de visita pola EIM A Rolada e o Centro de Día, mentres que o sábado á tarde percorrerá parte do centro urbano -desde o patio do CPI até a praza Ramón Díaz Raña- anunciado polo grupo de gaitas das escolas de música tradicional. Canda si levará o tradicional tizón do Nadal, que se acendía neste tempo para atraer a boa sorte e alonxar os malos espíritos durante todo o ano entrante
O Apalpador parolará na praza coas nenas e nenos e entregaralles agasallos. Deseguido, no interior da Casa da Cultura, entre as 19:00 e as 21:00h desenvolverase un obradoiro de construción de chapas e distintos instrumentos para tocar panxoliñas, todos feitos con material de reciclaxe. Ademais, tanto a rapazada como as familias merendarán chocolate con biscoito.
O sábado tamén se celebrará o Nadal na Lareira que organiza a AVV O Castelo de Narahío. Ás 18:00h haberá un obradoiro de cantares do Nadal da man da asociación Vai Rañala Meu, despois merendarase un chocolate con bica e pouco despois das 20:00h o Apalpador pasará polo local social da Veiga. Tan pronto como marche botaranse os cantares aprendidos á tardiña e a festa seguirá cunha foliada libre -levade ferramenta- na que tamén estará o grupo local de música tradicional Les Trovadores. Durante a noite serviranse petiscos de balde coas consumicións.
E o domingo 22 a partir das 12:00h na Casa da Cultura, as e os artistas que asisten semanalmente ás clases de música impartidas por Xoán Leis e o seu equipo volverán deleitarnos cun concerto de Nadal no que escoitaremos pezas de todos os estilos, sobre todo clásicos do pop e do rock que sempre soan nestas datas, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.
Este será o terceiro ano en que os grupos de Música Moderna se reunan no centro cultural para mostrarnos as súas evolucións coa percusión, os teclados, a guitarra, o baixo e outros instrumentos que Leis e compañía ensinan a tocar dunha forma moi entretida e certamente proveitosa.
O concerto, que sempre garda algunha que outra sorpresa para o público, durará arredor dunha hora e é con entrada gratuíta.
Durante toda esta xornada dominical -que ademais é a da Lotaría do Nadal-, a ACRD Santa Mariña do Monte organiza a súa primeira feira do troco e a segunda man, coa que quere apostar pola reutilización e por darlle unha nova vida a unha chea de obxectos que temos esquecidos na casa. Na cita, que terá lugar no local e na pista polideportiva da Golpilleira desde as 10:00 até as 19:00h, poderanse vender, mercar ou intercambiar roupa, mobles, xoguetes, electrodomésticos, informática… de todo. Ademais, a partir das 12:30h actuará a agrupación “Los Nostálgicos”. Durante a actuación serviranse petiscos gratis coas consumicións.
O domingo 22 rematará con teatro no local social de Lamas. A AVV Xuntanza convidou á compañía afeccionada Quemaisten Teatro para representar a partir das 18:00h varios dos sainetes escritos polo prolífico José Cedena. A obra, dirixida por Agustín Bolaños, conta no elenco con Olga Chamosa, Ángeles Gabeiras, José Fraga, José Luis Fernández, David Lorenzo e Servando Filgueiras. É con entrada libre.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.