O Apalpador e Papá Noel estarán nesta fin de semana na Pobra do Caramiñal ao abeiro da programación de Nadal. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, manifesta que “continúase así dinamizando a nosa vila por estas datas tan significativas.”
O Apalpador estará camiñando polas rúas peonís do núcleo urbano no venres 20, a partir das 18.00 horas, na compaña de zancudos e do grupo de gaitas de Arrancadeira.
E Papá Noel terá desfile propio no sábado 21, das 18.00 horas en diante, na compaña dos Magical Brothers (cinco bonecos de luz de grandes dimensións e oito músicos). Sairá dende as inmediacións de Bandaseca para dirixirse pola estrada principal ata A Covecha, onde tomará rumbo cara a praza de abastos por toda a fachada marítima. No mercado municipal atenderá ás crianzas para que lle trasladen en primeira persoas as súas peticións.
Tamén nevará na Pobra. O Cantón da Leña converterase nunha particular Laponia no domingo 22, a partir das 17.30 horas. Alí desenvolveranse, así mesmo, obradoiros infantís.
Ademais, o ambiente de Noiteboa comezará a notarse nas rúas xa dende cedo. O concerto de Gallaecia Small Band que se tivera que adiar no acto de acendemento do alumeamento terá lugar finalmente no 24 de decembro, ás 12.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán.
Parte destas actividades están cofinanciadas pola Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.