Saturday 21 de December de 2024

O Pleno dá luz verde a 3 créditos por case 3 millóns de euros que permitirán saldar a débeda do Concello con Viaqua


Na sesión ordinaria do Pleno municipal aprobáronse cos votos a favor do BNG, Compostela Aberta e PSdG e a abstención do grupo popular, os tres expedientes de recoñecemento extraxudicial que permitirán liquidar varias débedas contraídas polo Concello nos últimos anos con Viaqua, xestora dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, e con outras empresas fornecedoras de servizos.

O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, congratulouse pola aprobación destes tres créditos que permitirán liquidar “recoñecementos que se viñan adiando e que acrecentaban as débedas de xuros xerados co paso do tempo, gravando innecesariamente as finanzas municipais”, e que tamén evitará “ter que recorrer á vía xudicial”.

Os tres expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito 2024-REC 03, 2024-REC 04 e 2024-REC 05 aprobadas na sesión plenaria desta mañá, suman un total de 2.968.268,30 euros, dos cales 2.931.592,30 euros, o 98,76 por cento do total, corresponden a débedas coa empresa VIAQUA que se remontan ao ano 2016. Trátase de contías debidas á compensación pola falta de revisión das tarifas do servizo de xestión integral do ciclo da auga desde 1 de xaneiro de 2019 até 1 de maio de 2020.

Segundo detallou o concelleiro este crédito permitirá tamén facer fronte ás débedas pendentes pola prestación do servizo das novas instalacións da EDAR da Silvouta III fase desde 1 de xaneiro de 2017 até 1 de maio de 2020 e outras derivadas da prestación do servizo de xestión das novas instalacións de saneamento do colector de Aríns, da EDAR de Aríns, da EDAR de Nemenzo, da EDAR da Sionlla, da EDAR da Lavacolla e da EDAR de Enfesta, desde 1 de xaneiro de 2016 até 1 de maio de 2020. Tamén se saldarán diversas facturas pendentes con empresas fornecedoras do Concello en concepto de aluguer, mantemento ou prestación de servizos varios

Manuel César xa avanzou esta semana en rolda de prensa algunhas das cifras ao respecto da redución tanto do período medio de pagamento como da débeda contraída nos anos precedentes: “a débeda a provedores que chegou a superar os 17 millóns de euros, situouse a finais de novembro en 6.900.000, un millón por debaixo da que atopamos ao chegar ao goberno. O período medio de pagamento calculado tamén a finais deste mes de novembro quedou nos 58,65 días, tamén por debaixo dos 79 que tiñamos en xuño de 2023”.

Outros asuntos

Tamén foron aprobadas por unanimidade as proposicións presentadas polo grupo municipal popular relativas á candidatura de Santiago como “cidade creativa da artesanía e artes populares” da UNESCO, para a adhesión de Compostela á rede de cidades “Fast-Track” por unha cidade libre de VIH/sida, e para solicitar unha maior difusión da programación cultural no concello; e a presentada polo PSdeG-PSOE relativas ás demandas da veciñanza da Almáciga.

Deja un comentario