A dispoñibilidade de novos terreos permitirá reestruturar os espazos e habilitar máis zonas de lecer no marco do proxecto Os fogóns do Anllóns.
O Concello é desde hoxe propietario de dúas parcelas contiguas á área recreativa de Gabenlle que van ser integradas nese ámbito de lecer para ampliar os espazos e habilitar novos equipamentos.
O alcalde, José Manuel López Varela, asinou esta mañá na notaría as escrituras da compra de ambos terreos que suman unha superficie conxunta de 4.178 metros cadrados. Supuxo un investimento total de 15.500 euros financiados integramente con fondos municipais.
Unha das parcela adquiridas está situada xunto ao río Anllóns e conta con varios exemplares de piñeiros autóctonos. A outra finca localízase na parte traseira do ámbito que acolle actualmente tanto o parque biosaudable como os últimos merendeiros instalados polo Concello.
Unha vez estes novos espazos pasen a estar integrados na zona de lecer, a área recreativa de Gabenlle, que actualmente conta cunha superficie duns 10.000 metros cadrados, verase ampliada en máis dun 40 %. Isto posibilitará reestruturar as zonas nas que se dividide e os seus equipamentos para ofrecer aos usuarios máis oportunidades para desfrutar dun ámbito único pola súa ubicación e riqueza ambiental.
As iniciativas que se levarán a cabo nos próximos meses realizaranse no marco de Os fogóns do Anllóns, proxecto impulsado polos cinco concellos ribeiráns a través da área de Turismo da Deputación da Coruña e que forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia.
Ampliar e mellorar a área recreativa de Gabenlle significará continuar aportando valor a ese espazo natural de alto valor ambiental, ao mesmo tempo que se ofrecerán novas oportunidades de ocio e esparexemento á cidadanía e será potenciado como destino turístico o río Anllóns ao seu paso polo termo municipal da Laracha.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.