Thursday 26 de December de 2024

A Pobra dará a benvida ao 2025 cunha dobre celebración


Un, dous, tres… así ata doce. A Pobra do Caramiñal adianta a benvida ao 2025 cunhas badaladas no mediodía do 31 de decembro, dende a casa consistorial.

“Repetimos por segunda vez esta actividade dada a gran aceptación e como un momento para que a veciñanza de tódalas idades vivamos en conxunto a entrada no novo ano. Trátase, ademais, dunha alternativa de lecer para quen non opte por saír pola noite”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto ao seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido.

Nesta ocasión, será o cómico Oswaldo Digón quen se encargue de conducir este acto para que, cando o reloxo marque as 12.00 horas, a veciñanza se dispoña a come-las doce uvas. Previamente, a partir das 11.30 horas, estarase facendo entrega nas inmediacións das uvas e do cotillón.

Deseguido, os Festicultores levarán a música por todo o núcleo urbano animando o ambiente, a partir das 12.15 horas. Pola noite, o toldo situado na praza Alcalde Segundo Durán converterase en punto de encontro coa celebración da festa de Aninovo con DJ e cotillón, das 01.00 horas en diante.

Deja un comentario