Thursday 26 de December de 2024

Alumnado do CPI Cernadas de Castro comparte unha xornada de celebración cos maiores do Centro de Día de Lousame


As instalacións do Centro de Día de Lousame acolleron na tarde do martes unha xornada de encontro interxeracional entre alumnado do CPI Cernadas de Castro e as persoas maiores usuarias deste centro asistencial. Un evento incluído dentro dun proxecto do centro educativo, denominado “Voluntariado miúdo”, e no que participou todo o alumnado de Infantil e o de 6º de Primaria.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, agradeceu a colaboración ofrecida tanto por parte do colexio como por parte do Centro de Día xa que “a relación interxeracional é moi importante porque antes si que os avós e avoas intercambiaban saberes cos seus netos e netas, pero agora xa non é tan común. E se queremos saber quen somos, temos que saber de onde vimos. Por iso a relación entre nenos e maiores é moi enriquecedora”.

Os pequenos aproveitaron a xornada para facer distintas actuacións para os maiores, cantando panxoliñas e rematando cunha foliada na que todos e todas bailaron ao ritmo de cancións de Nadal. A maiores, a rapazada de 2º de Primaria, que non puido asistir á celebración, envioulles aos usuarios do centro de día unha postal de Nadal elaborada na clase e que recollía a seguinte mensaxe: “Nestas datas tan especiais, os nenos e nenas de 2º de Primaria queremos felicitarlles as festas. Bo Nadal e feliz 2025. Que os seus desexos se cumpran. Unha aperta”.

Deja un comentario