O acto está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ponteceso, e terá lugar ás 17:00 horas coa presenza dos autores da obra.
A Biblioteca Municipal de Ponteceso acollerá este sábado a presentación do libro de Fina Paulos e Óscar Rey ‘Intelixencia artificial para a sociedade’. Comezará ás 17:00 horas da tarde e o acto estará precedido dun coloquio sobre a utilidade práctica da IA na vida cotiá.
Trátase do primeiro libro en galego que fala da intelixencia artificial para as persoas desde unha perspectiva educativa, amena e práctica. Os autores buscan con esta publicación darlle unha oportunidade de achegarse ao eido da intelixencia artificial a todas as persoas que non son expertas na materia desde unha perspectiva amable, pensada para todo tipo de público.
As persoas que acudan a esta presentación poderán coñecer como se leva a cabo un proceso automático de valoración de analíticas, reparación fotográfica e son, creación de menús saudables ou aprender a conversar cunha IA facéndolle preguntas específicas.
Os autores son profesionais cunha ampla experiencia en innovación educativa e no uso ético da intelixencia artificial. Teñen participado en proxectos destinados a fomentar o impacto positivo desta ferramenta na sociedade, promovendo valores como a igualdade, o respecto e a ética.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.