Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades conmemorará o Día da Muller e o Día de Rosalía coa representación de monicreques “A viaxe de Rosalía”



A actuación terá lugar o sábado 5 de marzo no multiúsos de Frades

O multiúsos de Frades acollerá o sábado 5 de marzo, ás 11:30 horas, o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía”, organizado polo programa de dinamización lingüística FalaRedes en colaboración co Concello de Frades. A función está pensada para un público a partir dos seis anos de idade. A entrada é totalmente libre e de balde.

O espectáculo, que combina monicreques de mesa e música, está inspirado na figura de Rosalía de Castro e coa súa programación o Concello de Frades pretende conmemorar tanto o Día de Rosalía (24 de febreiro) como o Día da Muller (8 de marzo), ademais de sumarse a outras actividades organizadas dende o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes.

“A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de 45 minutos que ten como fío condutor a Francisca Campo, que conta a historia da súa afillada: Rosalía de Castro. Da súa man, os presentes coñecerán as vivencias cotiás e entrañables que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería na escritora máis recoñecida da nosa literatura.

A obra xira arredor dos monicreques de Larraitz Urruzola, da música e da súa propia interpretación actoral. Pero A viaxe de Rosalía vai moito máis aló. Estamos diante dun coidado espectáculo no que traballou un recoñecido elenco artístico e técnico galego. Ademais da propia Larraitz (produtora, actriz e construtora dos monicreques), este espectáculo é posible grazas a un equipo composto por Lucho Penabade (autor e director); Luís Javier Iglesias (cabezas dos monicreques de Rosalía e aderezo); Olga Viéitez (vestiario e corpos de Rosalía); Mirari Urruzola (escenografía); José Luís do Pico (espazo sonoro); Juan Luís Rúa (fotografia) e Xosé Bocixa (vídeo).