Tuesday 11 de March de 2025

Aberta a exposición “Recuérdame”, un proxecto que une xeracións a través da emoción e a memoria


A mostra, aberta na Fundación Luis Seoane, recolle o traballo conxunto realizado pola EIM Luis Seoane e a Residencia Torrente Ballester

A alcaldesa, Inés Rey, inaugurou esta tarde a exposición “Recuérdame” xunto con Felicidad López, directora da EIM Luís Seoane. Estará aberta ao público na Fundación Luis Seoane desde o 18 de decembro ata o 13 de xaneiro. A mostra recolle o resultado dun ano de encontros entre a Escola Infantil Municipal Luis Seoane e a Residencia para Maiores Torrente Ballester no marco do programa homónimo entre ambos centros.

A iniciativa naceu no curso 2022-2023 como un proxecto interxeracional para por en valor a unión entre xeracións a través das emocións, a memoria e a convivencia con actividades mensuais conxuntas como obradoiros de plástica, música, lectura, psicomotricidade e excursións. O obxectivo é estimular a aprendizaxe e a creatividade ademais de fortalecer a relación entre xeracións. Nese sentido, a alcaldesa puxo en valor os encontros e subliñou a profundidade dos lazos que se crean: “O impacto non está só nas actividades que realizan, senón nos vínculos emocionais que se crean entre eles”.

Ademais, a alcaldesa destacou o contexto no que se presenta esta iniciativa, poñendo o foco na necesidade de combater a soidadenon desexada: “O ritmo veloz, case ansioso no que estamos instalados non nos permite deixar tempo á reflexión e ao compartir. Así, hoxe moitos dos nosos maiores atópanse sós sen desexalo e os nosos pequenos, tamén”. Nese sentido, Rey insistiu na importancia de coidar a memoria colectiva e de recoñecer “o papel fundamental dos maiores como gardiáns das historias que definen á cidade e como tal, da nosa identidade”.

Na exposición participaron un total de 13 nenas e nenos de 3 anos, acompañados das súas familias; e 11 residentes da Residencia Torrente Ballester, acompañados pola traballadora social, Berta e o director do centro. Tamén estiveron o concelleiro de concelleiro de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; e a concelleira de Benestar Social, Participación e gualdade, Nereida Canosa. Ademais, sumouse ao proxecto o persoal da Escola Infantil Municipal Luis Seoane, composto por 4 profesionais educativos e 3 membros do equipo directivo ademais de Antía García, fotógrafa do proxecto e María del Carmen Amarelo, responsable de Montaxe.