Thursday 19 de December de 2024

O pavillón de Guísamo convértese nun poboado de Nadal


· Celebrarase os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro en horario de 17:00 a 21:00 horas.

O Concello de Bergondo transforma o Polideportivo de Guísamo nun máxico Poboado de Nadal, unha proposta que se celebrará os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro en horario de 17:00 a 21:00 horas. Esta iniciativa está dirixida a familias e, en especial, aos máis pequenos e pequenas, cunha oferta variada de actividades e espazos pensados para gozar da maxia do Nadal.

O evento contará cunha zona de xogo libre adaptada a diferentes franxas de idade (0-3, 4-8 e 9-12 anos), sempre co coidado e a supervisión do persoal especializado. Ademais, os nenos e nenas poderán participar en talleres e actividades de animación, así como vivir a esperada visita de Papá Noel e o paxe real.

Tamén haberá un mercado con produtos ecolóxicos, artesanais e de proximidade, onde os asistentes poderán adquirir agasallos e artigos especiais para estas datas. Entre os proxectos presentes destacan nomes locais como Slow, Dévalo Mel, Pasamarela e moitos máis, o que reforza o apoio do Concello aos emprendedores da zona.

Todas as actividades son gratuítas e non requiren inscrición previa. Iso si, os menores deberán estar sempre acompañados por un adulto responsable.

O Concello triplica o orzamento para iluminación #do Nadal

Este ano tamén se fixo unha aposta para mellorar a iluminación que decora as rúas do municipio, que se está acabando de instalar. O Concello triplicou o número de elementos luminosos respecto a anos anteriores, grazas a un investimento que pasa dos 15.000 euros do pasado exercicio a case 40.000 euros en 2024.

Deja un comentario