A concelleira Noemí Díaz puxo en valor esta iniciativa, que prevé o aproveitamento dunha superficie de case 430.000 metros cadrados ao oeste e o leste do parque
O Concello e a consultora medioambiental Galnus impulsarán nos vindeiros anos a creación do bosque urbano de Bens, un proxecto pioneiro na cidade que prevé o aproveitamento dunha superficie de case 430.000 metros cadrados na contorna do parque para plantar máis de 3.000 árbores.
Esta mañá, a concelleira Noemí Díaz e o representante de Galnus, Alejandro Álvarez Hurtado, asinaron o convenio de colaboración que establece o marco de actuación que vincula a ambas as partes por un prazo de cinco anos —prorrogable por outros cinco—, e que marca o punto de partida para reverdecer unha ampla superficie do parque de Bens con máis arboredo de ata vinte especies escollidas segundo a súa resistencia, logo da previa comprobación do espesor do solo e o impacto dos ventos.
Díaz puxo en valor a colaboración público-privada que abre camiño a esta iniciativa, “que permitirá que A Coruña conte, a medio prazo, cun novo pulmón verde” nos terreos do parque, onde, décadas atrás, había un vertedoiro. “Aproveitar o parque de Bens e darlle unha segunda vida a este espazo para propiciar o seu uso por parte das e dos veciños é un dos obxectivos marcados neste mandato pola nosa alcaldesa, Inés Rey”, indicou a concelleira.
Nesta intervención, que tamén forma parte da folla de ruta do Goberno municipal na loita contra o cambio climático, o Concello asumirá os custos derivados do mantemento dos novos exemplares de arboredo, mais a súa plantación non suporá ningún custo para as arcas municipais, xa que a financiación desta parte correrá a cargo da empresa Igalia, cliente da firma Galnus, coa que se asinou o convenio asociado ao proxecto.
Díaz precisou, ademais, que a plantación de arboredo prevista en Bens e a súa contorna levarase a cabo tanto na grande superficie por onde pasan a meirande parte dos percorridos peonís do
Nota de Prensa
parque, ao oeste deste, como noutra parcela situada ao leste, lindeira co miradoiro de Bens e co camiño que conecta Visma coa Gramela.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.