O goberno local levará este xoves a pleno a proposta para ampliar o convenio ata o ano 2028, actualizando os prezos
Este servizo permite que as persoas maiores e dependentes poidan seguir vivindo nos seus fogares e mantendo unha autonomía aceptable
O Concello de Miño propoñerá este xoves, 19 de decembro, nun pleno ordinario (20 horas) a renovación ata o 2028 do convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, aumentando o número de prazas dispoñibles a 15 e actualizando os prezos.
A día de hoxe son 10 as persoas do municipio que se benefician deste programa, que permite que as persoas maiores e dependentes que non poden valerse por se mesmas para cubrir as necesidades básicas relacionadas coa compra e elaboración de menús adecuados ás súas condicións de saúde poidan seguir vivindo nos seus fogares e mantendo unha independencia e autonomía aceptables.
O prezo para as persoas usuarias pasará a ser de 1,93 euros euros por día, e o resto do prezo total (7,32 euros) seguirá cofinanciado polo Concello que achega 1,93 euros e o Consorcio 3,46 euros. Por tanto os custos ao mes para as persoas usuarias serán de 54,04 euros se a repartición é de 4 semanas e de 67,55 euros se é de 5 semanas.
Os menús serán completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, aos seus gusto e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Entregaranse nun único día á semana ás persoas beneficiarias, que recibirán no seu domicilio sete bandexas diferentes coa comida para cada día da semana.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.