Thursday 19 de December de 2024

San Sadurniño ofrece sete alternativas de lecer para o arranque das festas do Nadal


Encaramos as datas centrais do Nadal. A cativería anda xa lixeira de tarefas escolares -veñen de vacacións o venres- e xusto nunha semana estaremos na Noiteboa. Sete días que en San Sadurniño veñen cargadiños con oturas tantas actividades. Xadrez, circo, o percorrido do Apalpador, música e un mercado de segunda man en Santa Mariña, compoñen unha sorte de advento cultural concentrado entre o xoves e o luns. Toda a axenda das festas está dispoñible no calendario municipal en Google, ao que podemos subscribirnos para non perder ningunha actividade.

As actividades comezan este xoves 19 de decembro ás 12:00h co Torneo de Xadrez que organizan a área municipal de Deportes, o CPI de San Sadurniño e a Asociación Galega de Xadrecistas co obxectivo de promocionar esta disciplina entre a veciñanza, sobre todo entre a máis nova. Vai dirixido principalmente á rapazada do CPI, pero nel pode participar calquera persoa maior de 11 anos que saiba os movementos, independentemente do seu nivel de xogo.

O torneo disputarase na Galería da Casa do Concello a seis roldas polo sistema suízo -non se elimina a ninguén- e cun máximo de 50 xadrecistas. Comezarase ás 12:00h (previamente, ás 11:10h haberá unha charla introdutoria no CPI) e estímase que a duración total serán algo máis de dúas horas, incluída a entrega de premios para as tres mellores clasificacións e das medallas para todas as persoas participantes.

De momento apuntáronse unha ducia de xadrecistas, aínda que ao longo do día de hoxe seguirán recolléndose formularios de inscrición, que logo haberá que entregar na Casa da Cultura ou ben rexistrala na Sede Electrónica.

Tamén o xoves, e xusto cando comece o xadrez na Casa do Concello, o xoves ás 12:00h, a rapazada máis pequena presenciará na Praza Ramón Díaz Raña o grandioso espectáculo do circo que nos traerá Culturactiva cun formato novidoso. Xuntaranse tres compañías e unha banda musical para ofrecer abraiantes números de malabares, acrobacias, clown e todo o que se agarda dun circo de rúa onde o humor e a participación do público son ingredientes imprescindibles. No caso de chover, o espectáculo pasará para a Casa da Cultura. O show forma parte do catálogo cultural da Rede Dinamiz-ARTj impulsada polo Instituto para a Transición Xusta nas zonas afectadas pola descarbonización enerxética.

Xa na fin de semana, o sábado 21 ás 18:00h, o Apalpador chegará a San Sadurniño para cerciorarse de que a rapazada está ben mantida e para tomar nota dos seus desexos de cara a estas festas e o ano que entra. O pandigueiro andará xa o venres 20 de visita pola EIM A Rolada e o Centro de Día, mentres que o sábado á tarde percorrerá parte do centro urbano -desde o patio do CPI até a praza Ramón Díaz Raña- anunciado polo grupo de gaitas das escolas de música tradicional. Canda si levará o tradicional tizón do Nadal, que se acendía neste tempo para atraer a boa sorte e alonxar os malos espíritos durante todo o ano entrante.

O Apalpador parolará na praza coas nenas e nenos e entregaralles agasallos. Deseguido, no interior da Casa da Cultura, entre as 19:00 e as 21:00h desenvolverase un obradoiro de construción de chapas e distintos instrumentos para tocar panxoliñas, todos feitos con material de reciclaxe. Ademais, tanto a rapazada como as familias merendarán chocolate con biscoito.

O sábado tamén se celebrará o Nadal na Lareira que organiza a AVV O Castelo de Narahío. Ás 18:00h haberá un obradoiro de cantares do Nadal da man da asociación Vai Rañala Meu, despois merendarase un chocolate con bica e pouco despois das 20:00h o Apalpador pasará polo local social da Veiga. Tan pronto como marche botaranse os cantares aprendidos á tardiña e a festa seguirá cunha foliada libre -levade ferramenta- na que tamén estará o grupo local de música tradicional Les Trovadores. Durante a noite serviranse petiscos de balde coas consumicións.

E o domingo 22 a partir das 12:00h na Casa da Cultura, as e os artistas que asisten semanalmente ás clases de música impartidas por Xoán Leis e o seu equipo volverán deleitarnos cun concerto de Nadal no que escoitaremos pezas de todos os estilos, sobre todo clásicos do pop e do rock que sempre soan nestas datas, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.

Este será o terceiro ano en que os grupos de Música Moderna se reunan no centro cultural para mostrarnos as súas evolucións coa percusión, os teclados, a guitarra, o baixo e outros instrumentos que Leis e compañía ensinan a tocar dunha forma moi entretida e certamente proveitosa.

O concerto, que sempre garda algunha que outra sorpresa para o público, durará arredor dunha hora e é con entrada gratuíta.

Durante toda esta xornada dominical -que ademais é a da Lotaría do Nadal-, a ACRD Santa Mariña do Monte organiza a súa primeira feira do troco e a segunda man, coa que quere apostar pola reutilización e por darlle unha nova vida a unha chea de obxectos que temos esquecidos na casa. Na cita, que terá lugar no local e na pista polideportiva da Golpilleira desde as 10:00 até as 19:00h, poderanse vender, mercar ou intercambiar roupa, mobles, xoguetes, electrodomésticos, informática… de todo. Ademais, a partir das 12:30h actuará a agrupación “Los Nostálgicos”. Durante a actuación serviranse petiscos gratis coas consumicións.

E a última cita antes do recollemento propio dos días de Noiteboa e Nadal está fixada para o luns 23 de decembro ás 18:00h na Casa da Cultura. O Mago Dani García, un dos grandes nomes do ilusionismo galego, ofrecerá unha gala onde todo será posible e onde grandes e peques se sorprendan con números clásicos e outros máis novidosos.

Dani García virá acompañado de varios colegas meigos para unha cita chea de humor e con entrada gratuíta. As localidades poden reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. O espectáculo tamén forma parte da rede Dinamiz-ARTj.

Máis propostas despois do 25
Tralo Nadal aínda quedarán tres eventos programados dos que falaremos máis amplamente cando se acheguen os días: a festa Punk Infantil con Peter Punk e Brais das Hortas (26 de decembro, 17:30h, Casa da Cultura), o Concerto de Fin de Ano (29 de decembro, 12:00h, Igrexa de Santa María) que ofrecerán Iria Folgado, Erica González, Víctor Rodríguez, Jaime Rodríguez, Noreia Hermida e Gabriel Castrillón e, por último, a visita dos Reis Magos de Oriente, que chegarán a San Sadurniño na tarde do sábado 4 de xaneiro.

Cómpre lembrar, ademais, que na Galería do Concello prosegue até o remate das festas a exposición pictórica de Manuel Carballeira e que desde esta semana tamén pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura a mostra do XVIII Premio “Jesús Núñez” de Arte Gráfica da Deputación da Coruña.

Ah, e tamén segue en marcha a campaña de animación do comercio “Polo Nadal, consumo local” que sorteará nove cestas de produto de proximidade entre as compras que se fagan nos establecementos locais.

Deja un comentario