A iniciativa de lecer será gratuíta, e terá lugar o 26 e 27 de decembro
O Concello de Neda porá en marcha durante as vacacións de Nadal un programa, destinado a evitar o sedentarismo dos máis pequenos da casa e, ao tempo, promover a igualdade. A iniciativa, para a que xa está aberto o prazo de inscrición, leva por título, “DeporNadal por =” e terá lugar os días 26 e 27 de decembro, en horario matinal.
A proposta, que será totalmente gratuíta, desenvolverase no pavillón municipal Ale de Paz, e estará dirixido a nedenses de entre 3 e 12 anos de idade. Durante dúas horas, de 11.30 a 13.30 horas, o público infantil terá a ocasión de participar en xincanas, practicar diferentes disciplinas deportivas, realizar circuítos de habilidade, ou desfrutar de xogos para a igualdade. E todo co obxectivo de pasalo ben.
“DeporNadal por =” contará con prazas limitadas (un máximo de 30). Por ese motivo, o Concello abre durante esta semana o prazo de inscrición. As familias da localidade que queiran que os seus fillos/as se sumen a esta proposta de lecer activo deberán apuntalos chamando, en horario matinal, ao teléfono da biblioteca 981390233.
As prazas na actividade, financiada coa colaboración do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, asignaranse por rigorosa orde de inscrición.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.