Thursday 19 de December de 2024

O Concello da Pobra e a Protectora Moura lanzan unha campaña de adopción responsable de mascotas


Cara a esta época festiva que estamos a piques de vivir, a Concellaría do Benestar Animal da Pobra do Caramiñal e a Protectora Moura impulsan unha campaña co obxectivo de fomenta-las adopcións responsables de animais.

Baixo a mensaxe de “queridos Reis Magos… este Nadal non quero ser un capricho, quero unha familia responsable!” convídase a darlle fogar a algúns dos animais que neste momento se atopan no refuxio municipal.

Durante a semana pasada, a Protectora Moura repartiu folletos entre o alumnado dos CEP Salustiano Rey Eiras, CEP Pilar Maestú Sierra e EEI Fernández Varela.

O alcalde e titular da Concellaría do Benestar Animal, José Carlos Vidal, explica que se promove esta acción para seguir traballando na defensa e protección dos animais. “Esta é unha mostra máis do noso compromiso co benestar animal e de seguir concienciando á cidadanía sobre a responsabilidade que supón ter unha mascota, o que se traduce no seu coidado, atención e bo trato”, apunta o rexedor. Por iso, a Administración local e a Protectora Moura unen forzas, unha vez máis, dentro da súa liña de colaboración.

As persoas interesadas en sumar un novo membro aos seus fogares tan só teñen que poñerse en contacto a través do enderezo electrónico protectoramoura@gmail.com ou do whatsapp 604030396. Tamén se poden facer doazóns económicas á entidade para axudarlle a sufraga-los gastos veterinarios e de alimentación dos animais aos cales presta asistencia: ES10 0133 4751 6842 0000 5622.

Deja un comentario