Thursday 19 de December de 2024

O conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre xa é de titularidade municipal


O Concello pasa a ser propietario dos 2.655 m2 do recinto, incluíndo a vivenda da torre, o muro perimetral e o hórreo anexo.

O Concello da Laracha xa é o novo titular do conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre. Hoxe completouse o procedemento de expropiación de todos os terreos vinculados ao mesmo (2.655 metros cadrados) co pagamento aos anteriores propietarios dos 54.000 euros, procedentes na súa integridade de fondos municipais, e tras proceder ao levantamento das actas previas á ocupación.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Patricia Bello, visitaron esta mañá o novo recinto adquirido polo Concello, no que se conservan a vivenda da torre e unha parte do muro perimetral, ademais do hórreo anexo que tamén se incluíu no procedemento e pasa a ser de titularidade pública.
O rexedor mostrouse “moi satisfeito por lograr que un dos elementos arquitectónicos e históricos máis destacados do concello xa forme parte do patrimonio municipal”. López Varela lembrou que “as Torres de Cillobre xa se incluíran hai anos no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección” e apuntou que, trala adquisición dos terreos, o Concello avanzará no deseño de actuacións para a súa posta en valor.
As Torres de Cillobre conforman un dos símbolos do Concello ao aparecer representadas no escudo municipal, o que pon de manifesto a súa relevancia histórica en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres.
A adquisición destes bens súmase ás iniciativas desenvolvidas polo Concello durante os últimos anos dirixidas a recuperar os elementos municipais do máis alto valor patrimonial, cos recentes exemplos do Castro de Montes Claros e o menhir de Erboedo.

Deja un comentario