Adxudicadas as obras dos tres parques que incluirá a segunda fase, cun investimento que supera o millón e medio de euros
Se o tempo o permite, hoxe será día de avalancha no Parque do Xardín, que quedou aberto ao público despois da visita realizada esta mesma mañá polos técnicos da Deputación da Coruña para certificar a obra.
A rapazada de ata 14 anos dispón agora dun espazo moito máis amplo e con moitos máis xogos, no que se primaron os xogos colectivos co dobre obxectivo de fomentar a socialización e de dar cabida ao maior número posible de nenos e nenas, dada a elevadísima intensidade de uso que ten o parque. Os elementos vanse sucedendo a partir da pista multideporte cara a Gran Vía en zonas diferenciadas segundo as idades ás que van dirixidos. Xogos de escalada, columpios colectivos, zona de parkour, mini-trampolín, redes, tobogáns e un areeiro ocupan o parque, arredor do cal instalouse un valado de madeira desmontable.
Outra das novidades é a utilización da cortiza de madeira natural como pavimento en varias zonas do parque, seguindo unha tendencia cada vez máis estendida en Europa que aposta polo uso de pavimentos naturais, que actúan coma terras de seguridade ao amortecer os impactos das caídas, ademais de contribuír á integración do parque no espazo arborado no que se atopa.
O alcalde, Evencio Ferrero, e varios concelleiros do goberno municipal achegáronse hoxe ata o parque para ver o resultado final tras a retirada do valado. Coa reforma integral do Parque do Xardín remata a primeira fase do proxecto Carballo para a infancia, financiado pola Deputación da Coruña, e que tamén incluíu a reforma completa dos parques da Praza da Milagrosa e da Praza Eduardo Pondal.
Pero xa está en marcha unha segunda fase, na que o Concello de Carballo destinará máis de millón e medio de recursos propios á construción de tres zonas de xogo temáticas en tres barrios urbanos: O Chorís, O Igrexario e o Rego da Balsa. As obras, que xa están adxudicadas, comezarán nas vindeiras semanas e marcarán un antes e un despois na concepción dos parques infantís.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.