Á venda as entradas para os concertos de Los Pecos e Antonio Orozco no Coliseum
Arde Bogotá, unha das formacións máis en forma do pop rock nacional, regresará á Coruña tras o seu exitoso paso polo Festival Noroeste. De novo, a formación de Cartagena actuará no peirao de Batería, nesta ocasión dentro do ciclo Coruña Sounds, que xa confirmou hai unhas semanas a Leiva.
O concerto será o 19 de xullo e as entradas sairán á venda este xoves 19 de decembro ás 11.00 horas a través da páxina web www.exoplaneta.es. “O Goberno de Inés Rey continúa apostando por grandes referentes da música en directo e por actuacións únicas, mantendo na lembranza o espectacular debut que fixo Arde Bogotá no Festival Noroeste do 2022, no que foi un dos grandes concertos desa edición”, dixo Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Arde Bogotá levará a cabo no 2025 unha serie de concertos exclusivos a nivel nacional e A Coruña será a súa única parada do noroeste peninsular. A banda ofrecerá un espectáculo plantexado como un ‘road trip’, que ten lugar desde o inicio e ata o final dun eclipse. A lista de cancións estará especialmente deseñada para dar a sensación dunha viaxe a través da música e das súas letras.
Entradas á venda para Los Pecos e Antonio Orozco
Por outra banda, xa están á venda as entradas para os concertos que ofrecerán no 2025 no Coliseum Los Pecos e Antonio Orozco. O Goberno de Inés Rey segue ampliando a lista de grandes artistas que pasarán polo recinto multiusos municipal o próximo ano, buscando estilos e formacións do gusto de toda a cidadanía.
En primeiro lugar, o concerto de Los Pecos será o 5 de abril. Suporá o regreso aos escenarios deste dúo para conmemorar os 45 anos do seu debut, que os situou no número un de todas as listas de éxitos. Con esta xira ‘Dos Voces y Una Historia’ percorrerán os recintos máis emblemáticos do país, incluíndo a súa parada no Coliseum, interpretando os seus grandes éxitos.
Tamén Antonio Orozco volverá á cidade no 2025 coa súa xira ‘La Gira de Mi Vida’, un proxecto no que presentará as cancións do seu próximo álbum e conmemorará os seus 25 anos de traxectoria musical. De novo, A Coruña será a única parada do noroeste do artista andaluz.
As entradas para ambos concertos están á venda a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de Ourense.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.