O pleno aprobou definitivamente unha partida financieira de 660.000 euros para dotar de máis recursos á Orquestra Sinfónica de Galicia
O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores unha nova sesión plenaria do Concello na que se aprobou definitivamente acometer investimentos por 10,7 millóns de euros para sufragar diversas actuacións en materia de transporte, mobilidade e dinamización cultural.
Así o expuxo esta mañá o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, na súa primeira quenda de intervención, lembrando que a meirande parte destes fondos servirán para custear case oito millóns que se corresponden coa prestación do servizo de transporte urbano. Lage apuntou que as subvencións aprobadas polo Estado, cofinanciadas polo Concello, “axudaron a recuperar e impulsar o transporte público, facendo que o bus urbano sexa hoxe máis económico para as persoas usuarias que hai dúas décadas”. Ademais, durante a súa intervención, o portavoz do Goberno avanzou que o Concello non subirá as tarifas do bus para o ano que vén, quedando conxeladas nas cifras actuais.
Lage destacou que o impulso dado polo Gobierno de Inés Rey ao transporte público é palpable en cifras, “xa que este ano chegaremos aos 27 millóns de viaxes, un récord dentro do servizo que se alcanza polo feito de que as persoas usuarias pagan o 50% da tarifa establecida”. Porén, o voceiro do Goberno municipal lembrou que “o importe sería menos gravoso para o Concello se a Xunta de Galicia, tal e como establecía o Estado nas bases da convocatoria, asumise unha parte da subvención”. O concelleiro apuntou, ademais, ao feito de que a Xunta prorrogase recentemente as axudas para o bus metropolitano, “excluíndo así, unha vez máis, as persoas habitantes das cidades”.
O modificativo inclúe partidas para a OSG e a Escola Municipal de Música
No referente ao modificativo M6, aprobado inicialmente a mediados de novembro e ratificado esta mañá, o expediente de investimentos tamén atende aos compromisos existentes para impulsar a Cidade das TIC. Concretamente, no M6 figuran 1,1 millóns para afrontar obras de urbanización xa executadas, que se suman aos 410.000 euros xa recollidos no anterior modificativo e aos máis de 600.000 euros xa aboados co mesmo fin.
A isto súmanse outros 660.000 euros en concepto de partida para dotar de máis recursos a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), cuestión na que Lage tamén quixo afondar, lembrando que “pese a que este ano a Xunta aplicou unha pequena suba na súa achega, estamos moi lonxe dun equilibrio”. “Con este modificativo, o Concello achégase aos 4,2 millóns de achegas á OSG, mentres que a Xunta queda case un millón por debaixo desta cifra, sen contar cos anos nos que as súas achegas foron inferiores ás cantidades pactadas, o que se traduciu nun déficit de 5 millóns que nunca foi saldado”.
Por outra banda, entre os investimentos incluídos no M6 destacan tamén os 150.000 euros que irán destinados ás actualizacións salariais das e dos traballadores da Escola Municipal de Música, outros 130.000 euros para a conserxería de instalacións deportivas e 360.000 euros para o funcionamento do servizo municipal BiciCoruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.