Thursday 19 de December de 2024

O colectivo artístico RPM finaliza hoxe a primeira parte de “Atoparnos en San Sadurniño”


Nas últimas semanas a veciñanza de San Sadurniño participou activamente na primeira fase do proceso de mediación artística “Atoparnos en Sadurniño” impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Fundación “la Caixa” e a colaboración do Concello. Ao longo deste proceso, o grupo composto por veciñas de distintas parroquias participou nas dinámicas propostas polas mediadoras Natalia Balseiro e Caterina Varela pensadas para afondar nas súas lembranzas individuais e colectivas, así como para fomentar a creatividade e o achegamento á práctica artística. Este mércores 18 de decembro, de 17:00 a 19:00h, RPM conducirá a última sesión do proxecto na Casa de Cultura de San Sadurniño. Nela trasladaranse os detalles do proceso de mediación realizado ao longo de seis semanas co grupo participante, ademais de avanzar o contido dos obradoiros que se pretenden levar a cabo en 2025.

No ano 2024 RPM abriu un novo eixe de acción que pon no centro a mediación artística dirixida a comunidades, cun primeiro proxecto en colaboración co Concello de San Sadurniño e co apoio da Fundación “la Caixa”. Neste sentido, a iniciativa “Atoparnos en San Sadurniño” é un proxecto en varias fases que se executará nos anos 2024 e 2025, pensado principalmente para previr ou atallar a soidade non desexada por medio da participación en actividades de creación artística.

Na primeira parte do proxecto -preparatoria do que virá despois-, RPM facilitou as condicións para xerar un contexto de confianza entre as persoas asistentes e, a partir de aí, identificar os seus saberes, coñecementos, desexos e necesidades comúns.

En 2025, buscarase a continuidade do proxecto para que un equipo artístico poida entrar a formar parte do proceso tendo moi en conta as preferencias sobre as que se traballou nas últimas semanas. A partir delas deseñarase, de maneira colectiva e coa participación destas persoas maiores, un programa que fomente a acción do grupo por medio da arte, de maneira que se contribúa a xerar novos vínculos entre elas, impulsando novas relacións significativas e duradeiras.

Sobre o colectivo RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e as artes vivas que imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais desde Galicia.

Manteñen un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e o impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

Deja un comentario