O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, reuniuse esta mañá con representantes dos veciños e do Concello do Coruña para tratar de buscar unha solución á situación de convivencia que se vive no barrio
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, reuniuse esta mañá con representantes da Comunidade de Propietarios e da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro, así como do Concello da Coruña, para avanzar na problemática detectada nalgunhas vivendas de titularidade autonómica situadas nesta urbanización.
Durante o encontro, Calvo deu conta do cumprimento dos compromisos adquiridos pola Xunta na reunión celebrada o pasado 28 de xaneiro e confirmou que a Unidade Técnica está a traballar xa na reparación dos desperfectos detectados nas vivendas. No caso das deficiencias de construción, estase en contacto coa empresa construtora para a súa solución. Ademais, atendendo a unha demanda dos veciños, desde a Xunta se autorizou á Comunidade de Veciños a denunciar ante as autoridades competentes calquera problema de convivencia que teña lugar na urbanización.
En canto á situación social na que se atopan as persoas que residen de forma irregular nalgunha vivenda propiedade da Xunta, Diego Calvo confirmou que “imos estudalas caso por caso” a partir do informe realizado polos Servizos Sociais do Concello da Coruña, á vez que lembrou que “non podemos esquecer que hai persoas agardando por estas casas, persoas que seguiron o procedemento legal para que se lles adxudicara unha vivenda”.
“Convocaremos o antes posible a Comisión Provincial de Vivenda porque queremos normalizar a situación de Novo Mesoiro e que os veciños poidan sentirse orgullosos de vivir neste barrio”, avanzou Calvo, que insistiu en que “para iso, é necesaria a implicación e a colaboración de todas as administracións”.
Os representantes dos veciños que asistiron á reunión mostráronse “contentos e satisfeitos” do bo talante e a boa disposición da Xunta para atender as súas propostas.