Thursday 19 de December de 2024

Laura Raposo substituirá a Gonzalo Méndez como concelleira en Culleredo


Gonzalo Méndez, concelleiro nacionalista en Culleredo desde 2019, vén de renunciar á súa acta por motivos profesionais.

Será sustituido no Grupo Municipal do BNG por Laura Raposo, veciña da Fonte da Balsa, en Vilaboa.

O concelleiro do BNG na Corporación Municipal de Culleredo, Gonzalo Méndez, vén de presentar a súa renuncia á acta como edil por motivos profesionais que fan incompatíbel a súa dedicación á veciñanza do concello. Ao Grupo Municipal nacionalista incorporarase Laura Raposo, veciña da Fonte da Balsa, en Vilaboa, e traballadora do sector téxtil, quen viña colaborando habitualmente no traballo social do BNG en Culleredo.

“No BNG non entendemos a representación política como un xeito de amarrarse a un cargo ou un sillón. Como tantas outras persoas na Galiza, véxome obrigado a emigrar para atopar un futuro laboral digno, e isto fai imposíbel dedicar os meus esforzos á actividade municipal tal e como merece a veciñanza cullerdense.”, en palabras de Gonzalo Méndez, quen agarda poder regresar nun futuro próximo a un Culleredo do que poder sentirse orgulloso, un Culleredo gobernado polo BNG.

Laura Raposo entrará a formar parte do Grupo Municipal do BNG en canto o Concello de Culleredo tramite a súa toma de posesión con folgos para “crear un maior sentimento de comunidade cullerdense.” Nas súas propias palabras, “considero que a unión entre a veciñanza é un valor desbotado e desprezado polo actual goberno municipal, e que se debe recuperar. Teño un carácter reivindicativo e loitador, e procurarei que o noso concello escoite as necesidades e suxerencias da veciñanza.” Raposo participou activamente en varias reivindicacións veciñais, como a declaración da Fonte da Balsa como Área de Rehabilitación Integral. Tralo seu ingreso na Corporación Municipal sumarase ao equipo formado por Tono Chouciño, Beatriz Pérez e Xabier Villarrenaga.

Deja un comentario