Wednesday 18 de December de 2024

Aberto o prazo de inscrición nos talleres e percorridos guiados no Castelo de San Antón e no Castro de Elviña


As actividades, que forman parte da programación de Nadal, celebraranse os sábados e domingos do período festivo

O Concello da Coruña abriu este mércores o prazo de inscrición nas actividades organizadas desde os Museos Históricos e que forman parte da programación municipal de Nadal. O Goberno de Inés Rey ofrece este ano á cidadanía un mes completo de actividades para todas as idades e en diferentes espazos públicos e municipais coa fin de dinamizar estas celebracións. Nese sentido, tanto o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón como o Castro de Elviña acollerán diferentes propostas para pequenos e maiores.
O sábado 21 ás 11.45 horas haberá no Castelo de San Antón un obradoiro infantil que levará por título ‘Tic-tac. O tempo a través da historia’. Durante o transcurso da actividade as persoas participantes achegaranse ao concepto do tempo para descubrir a importancia do mesmo na vida humana. Falarase dos primeiros reloxos e a súa evolución e dos calendarios e a súa relación co Imperio Romano. Ademais, os nenos e nenas farán o seu propio calendario e un reloxo de area. As persoas interesadas poderán inscribirse nesta ligazón. Haberá 20 prazas, a duración da actividade será de hora e media e está destinada a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.
Por outra banda, no Castelo de San Antón tamén haberá dúas visitas guiadas para público adulto ás instalacións do Museo Arqueolóxico e Histórico. Serán os sábados 21 e 28 de decembro ás 12.00 horas. A duración será de hora e media, haberá dispoñibles 25 prazas por sesión e a reserva pode levarse a cabo no teléfono 981 189 850 (de martes a sábados de 10.00 a 19.30 horas).
No Castro de Elviña tamén se levarán a cabo tres visitas guiadas durante estas datas festivas. Serán os domingos 22 e 29 de decembro e 5 de xaneiro ás 12.00 horas. Están 1 destinadas a público adulto, a duración será de hora e media e a reserva tamén se efectuará no 981 189 850. Haberá 25 prazas por sesión.

Deja un comentario