O Deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, trasladou novamente a solicitude ao Goberno español.
Trala primeira pregunta do BNG no Congreso, o Goberno de España respondeu referíndose á antiga estación de Bregua en lugar da reserva para o apeadoiro en Boedo feita pola ADIF.
O pasado mes de outubro o Deputado do BNG no Congreso Néstor Rego trasladou ao Goberno do estado a moción proposta polo BNG en Culleredo para que Boedo conte cun apeadoiro operativo de tren, e que foi aprobada coa única abstención do Partido Popular. O Goberno respondeu a esta pregunta referíndose á antiga estación de Bregua, en desuso desde hai décadas, en lugar de ao apeadoiro para o que a propia ADIF reservou espazo en Boedo a carón das actuais vías de altas prestacións. Diante desta confusión, o BNG ten trasladado nos últimos días unha nova pregunta aclarando o erro do Goberno español.
A proposta procura dotar Boedo cos mesmos servizos ferroviarios que chegan a Uxes e Meirama (7 servizos ao día en cada sentido). Isto suporía un beneficio non só para Boedo senón tamén para toda a poboación de Culleredo, e cobraría especial sentido dadas as actuais dificultades para acceder á estación de San Cristovo na Coruña. No caso dunha viaxe en dirección Santiago de Compostela, Ourense ou Vigo, acurtaría o traxecto ao non ter que trasladarse á cidade da Coruña.
Asemade, neste momento no que se están a realizar os estudios necesarios para a implementación dun servizo de tren de proximidade na Comarca da Coruña, o BNG propón que se inclúa nese estudio o apeadoiro de Boedo como un punto de acceso ao sistema para toda a poboación de Culleredo e concellos limítrofes.
O apeadoiro de Boedo foi construido canda a nova vía de alta velocidade. Xa existe a infraestrutura polo que só habería que poñela en funcionamento. Para implementar o seu uso só restaría dotalo dun punto de venda automática de billetes e dunha marquesina.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.