Friday 22 de November de 2024

Nova sesión do programa “Contamos” no Colexio Centieiras de Fene


A presidenta da Comisión de Educación da Deputación Provincial, Ánxela Franco, realizou esta mañá unha visita ao colexio Centieiras, no marco do programa “Contamos” que a equipa directiva, o claustro e a Anpa están a desenvolver ao longo deste curso. O obxectivo do programa é “abrir o colexio á comunidade educativa, estreitar lazos coas institucións e sociedades e propiciar que o centro e o seu alumnado sexan tidos en conta na ampla comunidade educativa”.

Nesta terceira sesión do programa “Contamos”, Ánxela Franco contou contos aos pequenos/as de Educación Infantil, aproximándoos ao seu pobo natal, Porto do Son. Ao remate da sesión, a representante do organismo provincial recibiu un lenzo pintado polos alumnos/as de 6º de Infantil, como agasallo pola súa participación no programa.

A presidenta da Comisión de Educación da Deputación estivo acompaña neste encontro polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, pola concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García e polo director do centro, Antón Pena, que aproveitou a ocasión para amosarlles aos tres convidados as actividades realizadas no centro con motivo da conmemoración do Día de Rosalía.

DÍA DE ROSALÍA

Atendento ao chamamento que fixo este ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega para festexar o Día de Rosalía, o Ceip Centieiras acolle dende hoxe unha exposición de postais realizadas polos alumnos/as do centro. Trátase de ilustracións alusivas a uns versos sacados do poema “Alborada”, de Cantares Gallegos (Canta, paxariño alegre,/ canta!/ Canta porque o millo medre,/ canta!/ Canta porque a luz te escoite,/ canta!/Canta que fuxeu a noite.)

Tamén editou o centro uns dipticos, reproducindo os versos e algúns dos debuxos realizados polos nenos/as, seleccionados polo propio alumnado. Ademais, neste 24 de febreiro o Ceip Centieiras tivo como “banda sonora do día” a canción de Amancio Prada “Adios ríos, adios fontes”, versionando o famoso poema de Rosalía de Castro.