Wednesday 18 de December de 2024

O barrio de Novo Mesoiro sumará un novo espazo de ocio xuvenil, habilitado para a práctica de deportes urbanos como calistenia e break, así como baloncesto


A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o proxecto para a construción desta infraestrutura foi aprobado na Xunta de Goberno Local. “Con esta actuación daremos resposta ás demandas das familias e a rapazada do barrio”, expuxo

O Concello adxudica as obras de humanización do primeiro tramo da Sagrada Familia co obxectivo de completar a Rolda Peonil

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que deu o visto bo ao proxecto para construír unha nova área de ocio xuvenil ao aire libre no barrio de Novo Mesoiro.

A rexedora apuntou que, con esta intervención, o Concello busca dar un novo pulo ás infraestruturas de xogo e lecer “nun dos barrios da Coruña, e tamén de Galicia, que conta con máis familias novas, un factor que evidentemente se tivo en conta á hora de determinar que usos futuros pode ter a área de ocio xuvenil, atendendo ás necesidades e gustos da rapazada”.

A previsión do Concello é que a área de ocio xuvenil esté ubicada nunha área axardinada en desuso situada tras os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos, onde se habilitará unha nova superficie de máis de 1.500 metros cadrados que incluirá espazos individuais para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e tamén un pequeno rocódromo.
Rey destacou que “pese a que haberá espazos delimitados para cada disciplina, todos estarán interconectados con percorridos accesibles e, no caso da área para break, está previsto que haxa unha cuberta protectora en forma de xeoda”.

En total, o Goberno de Inés Rey prevé destinar máis de 230.000 euros a esta actuación, que tras a aprobación do proxecto avanzará a continuación cara á seguinte fase administrativa, a de licitación. Toda vez se adxudiquen as obras, o prazo de execución será de seis meses.

A alcaldesa subliñou o compromiso do Goberno municipal co barrio, onde nos últimos anos se creou un novo corredoiro verde, creouse a súa primeira pista de patinaxe, se acometeu a renovación das instalacións da pista de fútbol Cruyff Court e tamén se crearon novas prazas adaptadas no parque infantil da rúa Ribeira Sacra.

A Rolda Peonil avanza agora cara o barrio da Sagrada Familia

As melloras previstas proximamente nos barrios tamén inclúen á Sagrada Familia, que sumará un novo percorrido á Rolda Peonil da Coruña coa reurbanización e humanización da rúa homónima. Tal e como adiantou este luns a alcaldesa, a Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe á UTE Jardinería Arce – Manuel Rivas Boquete os traballos para actuar no treito comprendido entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, onde se intervirá nunha superficie de máis de 1.600 metros cadrados, transformando a calzada e as beirarrúas nunha plataforma única e creando un tramo de prioridade peonil.
Tamén se renovará a rede de saneamento, iluminación pública e pluviais, dotando a rúa dunha infraestrutura renovada tanto na parte visible coma na soterrada.
O Goberno de Inés Rey destina máis de 673.000 euros á intervención, que ten unha duración estimada de sete meses, a dividir en tres fases.

Melloras no núcleo poboacional da Silva

Inés Rey tamén expuxo hoxe que, ao abeiro do plan de melloras previsto nos barrios, hoxe aprobouse o proxecto necesario para acometer a repavimentación do firme nas rúas da Silva de Arriba e tamén na Benela, acceso principal á Silva de Abaixo.
“Seguimos a traballar para dar resposta ás necesidades da veciñanza da Silva, e, neste caso, cunha intervención necesaria nos espazos de paso aos núcleos de vivendas, onde actuaremos para mellorar o firme e tamén a súa durabilidade, garantindo un tránsito máis seguro para as veciñas e veciños”, apuntou a alcaldesa.
O proxecto estipula un investimento de máis de 90.000 euros nesta actuación, para o que se estima un prazo de execución de dous meses, toda vez se adxudiquen os traballos.

Rey lembrou que, xa a inicios de agosto, o Concello aprobou a saída a concurso das obras de construción da nova zona de ocio infantil na Silva, que posibilitará a creación dunha área de xogos para as crianzas e tamén unha pista multideporte a carón do centro cívico.

O Plan Parcial para urbanizar Monte Alfeirán someterase a avaliación ambiental

Na orde do día, entre os asuntos destacados que competen á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á solicitude á Xunta do inicio do procedemento de avaliación ambiental do Plan Parcial que delimita o sector de solo urbanizable no Monte Alfeirán, un enclave situado entre a autovía da AP-9, Palavea e o termo municipal de Culleredo.

A ordenación proposta, que contempla tanto as determinacións do Plan Xeral como as da Comisión Xestora das e dos propietarios, estima que, dentro dunha superficie total de 166.669 metros cadrados, a superficie edificable máxima sería de 64.501. A efectos prácticos, isto permitiría a construción de 464 vivendas, das que case a metade serían de uso residencial colectivo. A maiores, estímanse uns 42.980 metros cadrados de espazos libres, outros 8.200 para equipamentos e tamén unha bolsa de case 400 prazas para o estacionamento de vehículos, así como espazo para a plantación de máis de 700 árbores.

Facilidades ao tecido emprendedor dos centros municipais de empresas

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deu o visto bo ao proxecto de ordenanza co que se busca unificar o regulamento dos centros municipais de empresas. A día de hoxe, o Concello conta con dous espazos deste tipo en Agrela e o Papagaio, “e a nosa intención é refundir a normativa existente e tamén introducir modificacións que melloren e reforcen a ocupación destas instalacións, dando facilidades ás e aos emprendedores asentados na cidade”.

Rey detallou polo miúdo algunhas das variacións previstas. Entre elas, aumentar de dous a catro anos o tempo que determina ata cando se considera como tal unha nova empresa. Ademais, increméntase o número de anos de permanencia nos CME’s, que pasa a ser dun máximo de catro nas modalidades de incubación e consolidación.

A alcaldesa apuntou que, tal e como estipula a normativa, a aprobación inicial da ordenanza levarase ao pleno municipal e tamén atenderá, posteriormente, as suxerencias e reclamacións das persoas interesadas, fase previa e necesaria para concretar a súa aprobación definitiva e posta en práctica.

Aprobado o novo convenio da Escola Municipal de Música

A maiores, este mércores deuse luz verde ao novo convenio de cooperación entre o Concello e o Consorcio para a Promoción da Música para xestionar, de forma conxunta, a Escola Municipal de Música.

No informe proposta elevado hoxe á Xunta de Goberno Local establécese que o texto terá unha duración de catro anos, con posibilidades de prórrogas anuais por outros catro exercicios máis.
Entre as cláusulas establecidas figura, por exemplo, que será o Consorcio o encargado de xestionar o funcionamento da Escola, percibindo unha cantidade anual de 650.000 euros por parte do Concello, que xa figura no informe aprobado este mércores. Ademais, o Concello tamén asume as tarefas de mantemento e conservación do edificio da Escola, situado na rúa da Torre.

As Bolsas Norteamérica, a fase de contratación

No referente aos asuntos da área de Educación, hoxe aprobouse a tramitación anticipada para contratar o servizo de xestión das Bolsas Norteamérica no contexto do curso 2025-26, cun orzamento previsto de case 650.000 euros. Cómpre destacar que os pregos do contrato establecen a posibilidade de ampliar o servizo por un ano máis.

A alcaldesa lembrou que este programa oferta un mínimo de 25 prazas para que as alumnas e alumnos dos centros educativos coruñeses que cursan 4º da ESO este ano poidan darlle continuidade á súa formación no Canadá, no seu primeiro ano de Bacharelato. “A posta en marcha deste programa supuxo un fito para o Concello, que foi pioneiro na creación desta iniciativa”, recalcou.

As bolsas permiten que o alumnado dos centros educativos coruñeses, teña, ano tras ano, a posibilidade de cursar estudos no estranxeiro, adquirindo un dominio avanzado da lingua inglesa e, de paso, coñecendo e vivindo polo miúdo a cultura e sociedade do país de acollida.

Neste sentido, a cobertura das bolsas durante a estadía no Canadá inclúe a tramitación e obtención do visado de entrada no país, tamén as viaxes de ida e volta desde A Coruña á poboación de destino no Canadá, asistencia sanitaria e 120 euros mensuais durante os meses de estadía, en concepto de axuda á manutención.

Cómpre lembrar que o prazo de inscrición con vistas á convocatoria das Bolsas Norteamérica 2025-26 rematou o pasado 4 de decembro.

Deja un comentario