O evento terá lugar o vindeiro mércores 11 de decembro, de 19.30 a 21.00 horas e contará con entrada libre ata completar capacidade
O vindeiro mércores, 11 de decembro, o Auditorio do Centro Sociocultural Ágora da Coruña acollerá a VII Mostra Cinema Experiencia, gala de estrea dos traballos realizados polo alumnado dos obradoiros do programa “De Maior Crea”. O evento supón unha oportunidade de coñecer e gozar do talento e a creatividade dos participantes dos obradoiros durante o curso.
O evento terá lugar no Centro Sociocultural Ágora o vindeiro mércores 11 de decembro, de 19.30 a 21.00 horas e contará con entrada libre ata completar capacidade. En total, a través dos 10 talleres impartidos, as persoas participantes realizaron unha vintena de curtas. Na gala proxectarase unha selección de sete pezas.
O programa, impulsado polo Concello da Coruña, ten como obxectivo diminuir a fenda dixital na poboación adulta maior de 55 anos utilizando a expresión artística e do cinema como ferramentas para a inclusión e a participación social. Trátase dunha das actividades inseridas no programa de actividades para combatir a soidade non desexada en persoas de avanzada idade, unhas das principais liñas en materia social do Goberno de Inés Rey.
O proxecto está dirixido polos cineastas Domingo Docampo e Manolo Gómez, xunto cun amplo abano de profesionais do sector como educadores en contido e linguaxe audiovisual. Para o seu impulso, a alcaldesa asinou o pasado verán un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Socioeducativa para a Educación (ASEDUC) co obxectivo de fomentar o ensino audiovisual en persoas maiores. Deste xeito, o Concello achega un total de 25.000 euros para o financiamento do programa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.