— Esta acción forma parte do abano de iniciativas que a Xunta está reforzando para favorecer o uso correcto da internet e as redes sociais por parte do alumnado
— Nas sesións, que se realizan en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso destas tecnoloxías
Un total de 240 centros educativos galegos participarán ao longo deste curso no programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia co fin de guiar aos mozos nunha navegación segura en internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula.
Por provincias, participan 88 centros da Coruña, 36 da provincia de Lugo, 33 de Ourense e 83 da de Pontevedra. A relación de centros participantes pode consultarse no Portal Educativo.
Trátase da décimo terceira edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensino, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede.
Así mesmo, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. O Navega co rumbo inclúe ademais, unha Guía de Boas Prácticas en Internet dispoñible en soporte dixital e en formato impreso nos propios centros.
Esta acción forma parte dun abano de iniciativas que o Goberno galego está a reforzar co fin de adiantarse aos desafíos das novas tecnoloxías. Nesta liña, este ano vaise lanzar un novo programa dirixido ao alumnado de Educación Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías, cun investimento que superará os 2 M€.
Así mesmo, a Xunta puxo a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de internet e as redes sociais, un documento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, efectos e riscos. Forma parte do programa Pegada dixital que se desenvolve en centros educativos desde hai dous cursos con 250 obradoiros. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á rapazada.
Outro dos aspectos nos que se fai fincapé é a formación docente, onde a Consellería de Educación está facendo unha importante aposta neste eido a través do Plan anual de formación do profesorado. Nel inclúense accións especializadas neste ámbito para que conten cos coñecementos e as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional nun entorno cibernético seguro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.