A Xunta de Galicia e o Concello de Coirós van estudar vías de colaboración para mellorar o abastecemento de auga na localidade ante o aumento de poboación que experimenta o municipio.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Francisco Quintela, avaliaron, nunha reunión que mantiveron recentemente, o proxecto municipal para ampliar a capacidade de filtración da estación de tratamento de auga potable (ETAP). A maiores, tamén se estudará a renovación e duplicación dos depósitos de almacenamento así como a ampliación da rede de distribución.
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicoulle ao rexedor que o persoal técnico de Augas de Galicia analizará a memoria valorada que remitirá o concello para valorar posibles vías de actuación.
A maiores, a conselleira lembrou que o orzamento de Augas de Galicia sobe o vindeiro ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.