“A ponte de decembro supón tradicionalmente o inicio das compras de Nadal e a falla de previsión do Concello de Ponteceso perxudica ao comercio local” di a voceira municipal, Fátima Rodríguez Gonzálvez, que considera unha irresponsabilidade do Goberno Municipal que o alumeado de Nadal non estea aínda íntegramente colocado e acendido na localidade.
Desde o BNG denunciamos a falla de previsión dun Goberno Municipal que só actúa como reacción ás críticas ou ante as peticións directas da cidadanía.
Un goberno sen iniciativas e que non ten claros os tempos, un goberno que funciona, igual que o goberno anterior, empurrado pola crítica en redes sociais e que agarda ata que a cidadanía lle formula peticións antes de resolver ou dispoñer ningunha solución, por máis evidente que sexa a necesidade. Unha forma de actuar propia do máis tradicional caciquismo.
No que ao pequeno comercio respecta, non se trata soamente da falla de iniciativas ante o Nadal, que se chegue tarde co alumeado ou que, un ano máis, se descoñeza se existirá un programa de actividades e eventos propios do Concello, máis aló de apropiarse das actividades das asociacións e colectivos sociais.
A maiores, despois de ano e medio, atopámonos ante un Goberno que non foi quen de habilitar prazas de aparcamento dignas para resolver a histórica demanda do comercio pontecesán.
Afrontamos o Nadal con dúas zonas de aparcamento enlamadas e cheas de fochancas nas que resulta case imposible aparcar. A falla de acordo coas familias propietarias para firmar os necesarios comodatos poñen de manifesto a incapacidade de diálogo e a falla de determinación do goberno municipal.
Ante esta situación desde o BNG lembramos a toda a cidadanía que nesta época é importante facer compras responsabeis, non mercar máis do necesario e, por suposto, priorizar as compras no comercio local e de produtos locais.
Animamos á xente que merque no comercio local e desexamos para este que teña unha boa campaña de Nadal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.