A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe aos actos programados pola mañá, que contaron coa implicación das e dos profesionais da Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro e a Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña
A Lonxa da Coruña abriu hoxe as súas portas a unha nova xornada divulgativo-gastronómica organizada pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e o Concello, que están a dar continuidade á súa estratexia para posicionar o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, que distingue ao peixe e marisco que chegan aos peiraos da cidade.
En liña con esta iniciativa, e co obxectivo de visibilizar o selo, hoxe desenvolveuse unha interesante programación de actividades, abertas á cidadanía, que arrincou ás 11.30 horas cunha conferencia de Andrea Ruzo, directora xeral da Fundación Ecoalf, que versou sobre os procesos de recuperación do lixo mariño, ao abeiro do seu proxecto Upcycling The Oceans.
Xa a continuación, tivo lugar unha degustación de produtos da lonxa da Coruña, na que as persoas asistentes puideron gozar das receitas e maridaxes das e dos profesionais da Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña e tamén do Concello.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, tomou parte nos actos celebrados, destacando que “o Goberno municipal está a traballar coa FREMSS para poñer en valor o noso produto pesqueiro e achegando á cidadanía ao día a día da lonxa, sendo como é un piar fundamental da nosa economía”.
A rexedora lembrou ademais que, xa durante a pasada fin de semana, no mercado municipal de San Agustín, centos de persoas participaron nos actos programados conxuntamente pola FREMSS e o Concello, “tendendo pontes tamén con outro sector clave na dinamización económica da Coruña, a hostalaría”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.