Wednesday 18 de December de 2024

Avanzan os traballos de reurbanización da rúa San Andrés, onde o Concello xa está a incorporar nova vexetación aos espazos axardinados previstos


O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, explicou que as actuacións nas áreas verdes estan a executarse “á vez que continúa a formigonaxe da calzada e as obras no pavimento ao longo da rúa”

A reurbanización da rúa San Andrés avanza estes días con novas intervencións sobre as áreas axardinadas previstas entre a calzada e os espazos peonís, que farán de barreira vexetal e axudarán a delimitar o espazo que estará destinado ao tráfico rodado das beirarrúas.
Neste sentido, o Concello xa está a traballar no plantado das especies adquiridas en viveiro, que na maior parte dos casos son de uso habitual para localizar ao pé das árbores. Entre elas, lavanda, liriope e nandina, ás que tamén se sumarán arbustos de Tulbaghia violacea e Achillea, que darán cor aos parterres de San Andrés.
Cómpre lembrar que, xa en semanas pasadas o Concello iniciou os traballos nas áreas verdes e parterres de San Andrés coa disposición do arboredo co que se busca recuperar a imaxe orixinal da rúa como bulevar, a que tiña no século XVIII. Por iso, estanse a plantar moreiras de Valdeorras, moi semellantes ás que había naquel tempo mais cunha particularidade: son dunha variedade sen froitos, para evitar os froitos manchen o pavimento.
“A instalación dos novos arbustos estase levando a cabo en paralelo á das moreiras, á vez que continuamos coa formigonaxe da calzada e as obras no pavimento ao longo da rúa”, explicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.
Lage lembrou que o Concello leva a cabo un investimento de máis de tres millóns de euros na reurbanización de San Andrés, “unha actuación coa que o Goberno de Inés Rey busca dar unha segunda vida á rúa e recuperar a súa identidade, visibilizando e dinamizando o seu comercio”.

Deja un comentario