Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazarase o vindeiro martes, 10 de decembro, ao Concello de Neda para facilitar que a veciñanza poida doar sangue sen ter que saír do municipio. A visita prodúcese coa vista posta no Nadal, un período no que aumentan os desprazamentos, e con eles os accidentes e urxencias médicas. O autobús estará situado diante da Casa da Cultura de 9.30 a 14.30 horas, e de 15.30 a 21 horas.
Poden ser doantes as persoas maiores de 18 anos que pesen máis de 50 kg, e teñan boa saúde. Para doar cómpre acudir á unidade móbil levando a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar de identificación. E haberá que informar ao médico no caso de estar tomando medicación. Ante calquera dúbida, ADOS pon a disposición da cidadanía o número gratuíto 900 100 828.
Dende o Concello anímase á veciñanza a colaborar, subliñando a importancia de contar, de cara ao Nadal, con reservas de sangue suficientes para poder atender a todas as persoas que o precisen. Lémbrase ademais que dunha única doazón poden chegar a beneficiarse tres persoas diferentes, xa que os distintos compoñentes sanguíneos (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) adoitan utilizarse por separado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.