Coa charla-obradoiro celebrada hoxe finalizan os actos conmemorativos organizados co gallo do 179 aniversario do seu nacemento
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrou no día de hoxe unha charla-obradoiro na que se abordou a figura de Rosalía de Castro como defensora dos dereitos e da condición feminina. Esta iniciativa, da que participaron arredor dunha ducia de mulleres, forma parte do conxunto de actividades que o ente supramunicipal desenvolveu nestas últimas semanas para conmemorar o 179 aniversario do nacemento da poeta galega por excelencia.
A través da súa obra analizáronse aspectos e cuestións relacionadas co papel da muller na sociedade ou dentro da estrutura familiar, o seu posicionamento nas relacións de parella, a facilidade que ten para acceder á cultura e ao coñecemento etc. Todo isto tomando como base algúns dos seus poemas contextualizados na época na que foron escritos para despois establecer unha comparación coa época actual. Tanto o Servizo de Normalización Lingüística como o CIM foron os departamentos encargados de levar a cabo este traballo, co fin último de enxalzar a figura de Rosalía e promover o coñecemento da súa obra.
Ademais da xornada de hoxe tamén cabe citar o concurso que se levou a cabo nas redes sociais ‘Rosalía verso a verso’, así como o apoio que os representantes mancomunados mostraron á hora de promover a obra rosaliana e demais xornadas e actos conmemorativos.