Wednesday 25 de December de 2024

Ribeira reluce co acendido do alumeamento do Nadal


Hoxe tivo lugar a inauguración do acendido do Nadal nunha praza da Porta do Sol ateigada de xente cun primeiro acto onde os nenos e nenas prenderon o botón de acendido despois dun pequeno discurso do rexedor, Luís Pérez arroupado por tódolos membros do Goberno Local e da Corporación. A continuación mentres os asistentes facían a cola para a chocolatada comezaba a actuación do grupo boirense D´Crooners Band.
O rexedor, nun discurso breve, apelou a que “o Nadal é unha época de luces e cores sen dúbida, pero tamén é unha oportunidade para reencontrarnos co que realmente importa: a nosa familia, os nosos amigos e todas as persoas que fan que a nosa vida sexa especial. Estas festas lémbrannos que, mesmo nun mundo cheo de présas e obrigacións, sempre debe haber lugar para a maxia, o agarimo e a celebración en boa compañía.
Tamén agradeceu a comprensión da veciñanza por un pequeno retraso da iluminación nalgunhas localizacións ”o traballo que non rematou, as diversas alertas motivaron un atraso e polo tanto; continuará os vindeiros días para que as nosas parroquias tamén brillen con todo o seu esplendor. O alcalde rematou “Bo Nadal a todos e todas! prendamos as luces e con elas a alegría e os momentos que compartiremos xuntos e xuntas.”
Ao mesmo tempo que comezaba a actuación na Porta do Sol, a comitiva se trasladou ao Malecón onde ás 18:00horas xa se inauguraba a pista de xeo para dar paso á inauguración do Belén que tradicionalmente o decoran con moito esmero os membros da Unidade Condutas Aditivas de Ribeira a quen se lle agradeceu tamén o seu labor.