Wednesday 25 de December de 2024

Aspaneps e o Concello achegan aos colexios de Neda o proxecto “Ponte no meu lugar”, de sensibilización sobre a discapacidade


Alumnado dos colexios públicos nedenses sumaranse este curso académico ao programa “Ponte no meu lugar”. A iniciativa, impulsada pola Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), en colaboración co Concello de Neda, busca fomentar entre a xente máis nova a inclusión social, a tolerancia cara a diversidade, e a accesibilidade. O proxecto chegou hoxe ao CEIP San Isidro.

No marco da Semana da discapacidade, os estudantes de quinto de primaria do céntrico cole participaron esta mañá na experiencia socioeducativa, que lles brindou a posibilidade de poñerse na pel de persoas con distintos tipos de discapacidades, coñecendo os apoios que precisan e as barreiras que atopan na súa vida diaria.

Para iso, ao tempo que fixeron unha “auditoría” das medidas de accesibilidade da escola (desnivel da rampla de entrada, ancho das portas…), percorreron parte das instalacións en cadeira de rodas e, posteriormente, cun anteface que lles cubría os ollos. Deste modo, puideron comprobar as dificultades que teñen que afrontar as persoas con problemas de mobilidade e de visión.
A actividade, que se complementa con paneis informativos, aborda ademais como a idade nos iguala a todos. E así, co paso dos anos, a inmensa maioría das persoas presentarán algún tipo de problemas de discapacidade nunha ou noutra medida.

O obxectivo de “Ponte no meu lugar”, que se desenvolve en distintos colexios da comarca, é pois favorecer a solidariedade e a sensibilidade social na poboación educativa de Ferrolterra.