Wednesday 25 de December de 2024

O arquivo de Ribeira continúa co seu proceso de dixitalización


O incendio do Concello o 10 de abril de 1862, sendo alcalde de Ribeira Ventura Pijuán Sánchez, deixounos orfos da historia anterior a este desastre. Hoxe, 161 anos máis tarde, se sucedera algún incidente similar o Concello non perdería toda a información como si sucedeu a mediados do século XIX.
O arquivo de Ribeira leva unha xa dilatada traxectoria coa súa dixitalización grazas ao traballo do arquiveiro municipal, Jose Antonio Otero, dito labor foise facendo mediante subvencións, achegas e nun principio ca axuda de Family Search, una entidade sen fins de lucro, rexistrada no estado de Utah, EUA.

O seu cometido principal é chegar a facer a árbore xenealóxica munidial. Esta entidade foi a que dixitalizou, por exemplo; o arquivo diocesano de Granada e no día de hoxe acaba de asinar un novo convenio co Concello de Ribeira.

Por outra banda a consultora Unayta estivo traballando recentemente no labor de descrición, organización e catalogación de fondos documentais de gran valor no Concello de Ribeira, incluíndo o Padrón Municipal de Habitantes e a documentación de Patrimonio, garantindo a súa preservación a longo prazo e facilitando o acceso á información para o persoal municipal e a cidadanía. Cada fondo foi descrito conforme aos parámetros de NOGADA, os datos foron incorporados á plataforma ARQA, que proporciona unha interface intuitiva para a xestión dos fondos documentais.

No día de hoxe convocouse para o acto ao rexedor, Luís Pérez, o xerente de Family Search de Relacións Institucionais na península Ibérica, Ezra Gomar, a consultora de Negocio Documental de Unayta, Balbina Gándara e o arquiveiro municipal, José Antonio Otero.

O acto comezou ca sinatura do convenio do Concello de Ribeira con Familly Search para despois facer unhas valoracións de dito acordo no que Ezra Gomar agradeceu ao concello por este novo convenio, “sempre traballamos con documentos que teñan máis de cen anos para non ter conflito ca lei de protección de datos”, tamén fixo referencia á parte técnica “chegamos a un acordo para facelo ca normativa establecida pola Xunta de Galicia tanto na web da Galiciana como en Familly Search” e finalizou destacando o beneficio de ditas dixitalizacións, “é un beneficio para a sociedade que investigadores de tódalas partes do mundo podan acceder a estes arquivos”. Os traballos comezarán no vindeiro ano 2025.

Luís Pérez encomiou ese inxente traballo que se está a facer dende Familly Search para crear o árbore xenealóxico da humanidade “o Concello de Ribeira non quería quedar atrás neste reto e dende o mesmo lle abrimos esas portas do arquivo municipal”, tamén sinalou, “dende o Concello de Ribeira estamos democratizando o acceso ao arquivo municipal, ao abrilo á poboación ademais de facilitar o traballo dos investigadores e investigadoras de todo o mundo”.

O rexedor anunciou que ”o arquivo histórico de Ribeira quere dar un paso máis e traballará en achegarse á veciñanza para que colabore en dita dixitalización e como non, para facer máis accesible toda a documentación histórica do municipio”. Para iso tense previsto crear un espazo na web onde a veciñanza poderá ver todo o material dunha forma máis visual e tamén poderá achegar de forma telemática e analóxica novos documentos para o arquivo do municipio.

Balbina Gándara da empresa Unayta encargada do traballo de descrición e catalogación do propio arquivo, entregou un USB ao alcalde cunha listaxe de todo o traballo realizado para o arquivo municipal durante varios meses.

Barral tamén agradeceu á empresa Unayta o traballo desenvolvido, finalmente Gándara finalizou “Grazas ao traballo realizado, o Concello de Ribeira dispón agora dun sistema de arquivo modernizado e adaptado ás necesidades contemporáneas, sen esquecer a importancia de preservar a súa memoria histórica.