Wednesday 25 de December de 2024

San Sadurniño acende esta noite a programación de Nadal e Reis


O Concello prenderá as luces da zona urbana, arranque dun programa que ofrecerá música, escénicas, circo e exposicións

Aproxímanse as festas máis sentidas do ano e tamén as que, en xeral, vivimos con máis ilusión. Ademais, o Nadal e os Reis son o momento do ano que as pequenas e pequenos agardan con máis ansia, quizais por aquilo das dúas semanas de vacacións e, sobre todo, polos agasallos que lles traerán o Apalpador e os Magos de Oriente. Estes persoeiros visitarán San Sadurniño dentro dunha programación especial organizada polo Concello pensando principalmente na rapazada. Música, escénicas, circo, exposicións… encherán o calendario municipal xa desde primeiros de decembro, nunha axenda que arranca esta noite co acendido das iluminación na capital municipal.

Exposición de pintura de Manuel Carballeira
ata o 10 de xaneiro, Galería do Concello
Nado en Cospeito (Lugo), pero residente en Valdoviño dese hai anos, Carballeira é, posiblemente, un dos nosos pintores máis prolíficos e premiados. Así o testemuñan máis dunha trintena de exposicións desenvolvidas dentro e fóra de Galicia nos últimos anos e os máis de cen premios principais colleitados desde 1994 noutros tantos certames, moitos deles de pintura rápida.

Hai dez anos, cando se estreou a nova Casa do Concello, Manuel Carballeira foi o artista que inaugurou cos seus cadros a galería municipal. Agora regresa a San Sadurniño cunha escolma de obras figurativas e distintas técnicas, sempre sen saír do estilo realista e impresionista. Poderemos visitar a exposición nos horarios de apertura das oficinas municipais: de luns a venres, agás festivos, de 9:00h a 15:00h.

Exposición do XVIII Premio “Jesús Núñez” de Arte Gráfica
Do 16 de decembro ao 10 de xaneiro, Recibidor da Casa da Cultura
Cadrando coa mostra de Carballeira, na Casa da Cultura tamén poderemos ver ata principios de xaneiro as mellores traballos presentados á edición 2023 do certame internacional de arte gráfica “Jesús Núñez”, convocado pola Deputación da Coruña para poñer en valor esta disciplina e tamén a figura do artista que lle dá nome ao concurso.

Á 18ª edición presentáronse 114 creacións, entre as que resultou ganadora a peza “10 grados”, de Juan Carlos Escudero García. Tamén se concederon dous accésits, un a Mateusz Patrzyk de Oliveira pola obra “Painbody I” e outro a Maite Pinto Zangróniz por “Vero Over”. A exposición permanecerá aberta até despois de Reis en horario de 9:00 a 15:00h.

Torneo de Xadrez
19 de decembro, 12:00h, Galería do Concello
A área municipal de Deportes, o CPI de San Sadurniño e a Asociación Galega de Xadrecistas organizan un pequeno torneo para promocionar entre a veciñanza, sobre todo entre a máis nova, o deporte/xogo de estratexia do xadrez. Vai dirixido principalmente á rapazada do CPI, pero nel poderá participar calquera persoa maior de 9 anos que saiba os movementos, independentemente do seu nivel de xogo.

O torneo disputarase a seis roldas polo sistema suízo -non se elimina a ninguén- e cun máximo de 50 xadrecistas. Comezarase ás 12:00h cunha charla introdutoria e, posteriormente, empezarán as partidas. Estímase que a duración total serán algo máis de dúas horas, incluída a entrega de premios para as tres mellores clasificacións e das medallas para todas as persoas participantes.

As inscricións poderán facerse na Casa da Cultura, no teléfono 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O alumnado do CPI de San Sadurniño poderá apuntarse no propio centro.

Gala de Circo
Xoves 19 de decembro, 12:00h, Praza de Ramón Díaz Raña
Mentres se comeza o torneo de xadrez para o alumnado de maior idade, o máis pequeno participará con Culturactiva no maior espectáculo do mundo cun formato novidoso no que van xuntarse tres compañías e unha banda musical para ofrecer abraiantes números de malabares, acrobacias, clown e todo o que se agarda dun circo de rúa onde o humor e a participación do público son ingredientes imprescindibles.

Como pista terán a praza de Ramón Díaz Raña, de maneira que deste circo, organizado para a rapazada da escola, tamén poderán desfrutar todas as persoas que anden facendo recados polo centro urbano a esa hora. Se chovese, iso si, o espectáculo trasladaríase á Casa da Cultura. O show forma parte do catálogo cultural da Rede Dinamiz-ARTj impulsada polo Instituto para a Transición Xusta nas zonas afectadas pola descarbonización enerxética.

Concerto de Nadal dos grupos de Música Moderna
Domingo 22 de decembro, 12:00h, Casa da Cultura
As artistas que asisten semanalmente ás clases de música impartidas por Xoán Leis e o seu equipo volverán deleitarnos este Nadal cun concerto no que escoitaremos pezas de todos os estilos, sobre todo clásicos do pop e do rock que sempre soan nestas datas, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.

Este será o terceiro ano en que os grupos de Música Moderna se reunan na Casa da Cultura para mostrarnos as súas evolucións coa percusión, os teclados, a guitarra, o baixo e outros instrumentos que Leis e compañía ensinan a tocar dunha forma moi entretida e certamente proveitosa. Sen coñecementos previos, o alumnado que asiste ás clases pode facer acompañamentos practicamente desde o primeiro momento e ao pouco tempo xa se atreven a levar a voz en pezas máis complexas.

O concerto, que sempre garda algunha que outra sorpresa para o público, durará arredor dunha hora e é con entrada gratuíta.

Ruada do Apalpador
Sábado 21 de decembro, 18:00h, desde o CPI á Praza Ramón Díaz Raña
O Apalpador, o mítico carboeiro das montañas do Courel, volverá este ano por San Sadurniño nos días previos ao Nadal para cerciorarse de que a rapazada está ben mantida e para tomar nota dos seus desexos de cara a estas festas e o ano que entra. O pandigueiro andará xa o venres 20 de visita pola EIM A Rolada e o Centro de Día, mentres que o sábado á tarde percorrerá parte do centro urbano -desde o patio do CPI até a praza Ramón Díaz Raña- anunciado polo grupo de gaitas das escolas de música tradicional. Canda si levará o tradicional tizón do Nadal, que se acendía neste tempo para atraer a boa sorte e alonxar os malos espíritos durante todo o ano entrante.

Cando chegue á praza, o Apalpador parolará coas nenas e nenos e entregaralles agasallos. Deseguido, no interior da Casa da Cultura, entre as 19:00 e as 21:00h desenvolverase un obradoiro de construción de distintos instrumentos para tocar panxoliñas, todos feitos con material de reciclaxe. Ademais, tanto a rapazada como as familias merendarán chocolate con biscoito.

Ese mesmo día tamén se achegará ao Nadal na Lareira que organiza a AVV O Castelo de Narahío. O Apalpador pasará pola Veiga pouco despois das 20:00h, durante un serán en que tamén poderemos merendar de balde chocolate con bica mentres participamos nun obradoiro de panxoliñas coordinado pola asociación cultural Vai Rañala Meu. Logo, durante a noite, haberá foliada -levade ferramenta- e serviranse uns petiscos.

Mercado de 2ª man en Santa Mariña
Domingo 22 de decembro, 10:00 a 19:00h, Local de Santa Mariña do Monte
A ACRD Santa Mariña do Monte vai celebrar no domingo da lotaría do Nadal a súa primeira feira do troco e a segunda man, coa que quere apostar pola reutilización e por darlle unha nova vida a unha chea de obxectos que temos esquecidos na casa.

Na cita, que terá lugar no local e na pista polideportiva da Golpilleira, poderanse vender, mercar ou intercambiar roupa, mobles, xoguetes, electrodomésticos, informática… de todo. Para poñer un posto hai que contactar co teléfono 630 811 062 ou 607 619 310. Ademais, a partir das 12:30h actuará a agrupación “Los Nostálgicos”. Durante a actuación serviranse petiscos gratis coas consumicións.

Gala de Maxia con Dani García
Luns 23 de decembro, 18:00h, Casa da Cultura
Un clásico no tempo do Nadal son os espectáculos de maxia. O Concello convidou este ano ao mago Dani García, un dos grandes nomes do ilusionismo galego, para que converta a Casa da Cultura nun lugar onde todo sexa posible e onde grandes e peques se sorprendan con números clásicos e outros máis novidosos.

Dani García virá acompañado de varios colegas meigos para unha cita chea de humor e con entrada gratuíta. As localidades poden reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. O espectáculo tamén forma parte da rede Dinamiz-ARTj.

Punk infantil con Peter Punk
Xoves 26 de decembro, 17:30h, Casa da Cultura
O pallaso dos pallasos, o clown dos clowns, o malabarista dos malabaristas, o equilibrista dos equilibristas… todo iso e máis é Peter Punk, que nos traerá xusto despois do día de Nadal o seu concerto Punk Infantil, no que estará acompañado de Brais das Hortas.

Máis que un concerto, Punk Infantil é un delirio de risas musicais onde se mesturan unha chea de cousas -contos, instrumentos de refugallo, trebellos sorprendentes, etc.- coas que o pallaso busca non só entreter á cativería e ás mamás e papás, senón tamén seguir alimentando esa constante dos seus espectáculos que pretende fomentar na rapazada o espírito crítico e o pensamento libre.

Concerto de fin de ano
Domingo 29 de decembro, 12:00h, Igrexa de Santa María a Maior do Rosario
A oboísta internacional Iria Folgado xúntase con outras cinco figuras da música clásica de San Sadurniño -a frautista Erica González, o chelista Víctor Rodríguez, o violinista Jaime Rodríguez, a pianista e frautista Noreia Hermida e o trombonista Gabriel Castrillón-. Será a primeira vez que seis artistas locais desta talla se reúnan na igrexa parroquial para ofrecernos un concerto único que, de seguro, será ben deleitoso pola interpretación e pola acústica do templo.

Visita dos Reis Magos de Oriente
Sábado 4 de xaneiro, 17:00h, Ximnasio do CPI de San Sadurniño
Melchor, Gaspar e Baltasar multiplican durante a noite do cinco ao seis de xaneiro a súa presenza na comarca, incluso en máis dun sitio ao mesmo tempo. É o que ten ser máxicos. Choio teñen abondo, recollendo cartas -que despois carrexan os paxes en centos de sacas- e, sobre todo, atendendo persoalmente as peticións infantís.
Por San Sadurniño virán, un ano máis, antes de tempo. Concretamente na tarde do sábado 4 de xaneiro. A partir das 17:00h o Concello organizoulles unha festa de benvida con hinchables, xogos, música e roscón con chocolate. Os Magos de Oriente chegarán ao ximnasio do CPI sobre as 18:45h e escoitarán os desexos das nenas e nenos, ademais de recoller cartas de última hora. Da animación encargarase LaGuaGua.