O alumeado festivo acenderase dez días antes das festas
Neda desmárcase da carreira doutros municipios por adiantar o Nadal, e acenderá a súa iluminación ornamental a noite do 13 de decembro, é dicir, dez días antes do inicio do período festivo. O Concello destina ao aluguer, instalación, mantemento e retirada deste alumeado especial uns 18.000 euros (IVE incluído), contía á que haberá que engadir o coste do consumo eléctrico. E para reducir ese gasto, aposta por una iluminación 100% led.
A pesar de que pode resultar impopular, a administración local opta, un ano máis, por esperar ata a segunda semana de decembro para acender o seu alumeado de Nadal, que nalgunhas zonas xa comezou a instalarse. Ampliar o período de acendido requiriría incrementar substancialmente a contía do contrato, medida que o goberno local descartou, considerando que existen outras prioridades.
En total haberá 44 arcos de luz repartidos polas catro parroquias do municipio, e situados en estradas de paso frecuente, inmediacións de instalacións públicas (colexios, centro cívico…) ou na contorna de locais de hostalería. Adornaranse ademais con cascadas de luz as fachadas de varios edificios municipais do núcleo urbano. E a iluminación festiva, que se apagará tras o día de Reis, completarase cunha árbore de Nadal na praza do monumento na memoria de Don Paco da Merced.