A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa coñece de primeira man o traballo do centro neste eido
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, salientou hoxe o traballo realizado polo Colexio Ceip Manuel Vidal Portela, de Pontevedra, a prol da innovación educativa nas aulas. Así o destacou esta mañá durante unha visita ao centro para coñecer de primeira man as iniciativas levadas a cabo neste eido polo profesorado e alumnado deste centro, que o fan merecedor da distinción europea eTwinning School, que en Galicia ostentan outros nove centro máis.
Baixo o título Arte saudable con Arcimboldo, o Vidal Portela participou o pasado curso nun programa de innovación educativa no marco do Plan Proxecta+ en colaboración con eTwinning, na modalidade de Patrimonio cultural europeo.
O e-Twinning é un programa educativo financiado pola Unión Europea e integrado en Erasmus+, cuxa principal finalidade é fomentar a creación e desenvolvemento de proxectos educativos de colaboración virtual en Europa. A través deste selo, recoñécese o traballo de innovación nos centros educativos tendo en conta aspectos como a participación cidadá, a conciencia cultural, as competencias dixitais e a cultura da cooperación máis aló do propio centro e da súa contorna.
Máis de 3.500 docentes rexistrados
En Galicia hai actualmente máis de 3.500 docentes rexistrados en eTwinning, que están a desenvolver proxectos de colaboración con docentes europeos no entorno virtual seguro que proporciona a acción eTwinning. Ademais, a embaixada eTwinning en Galicia, formada actualmente por catro docentes -unha das cales está no Vidal Portela-, fai unha intensa difusión dos beneficios do programa e presta asesoramento voluntario a outros docentes e centros que se queren iniciar no mesmo, tanto en asuntos de carácter técnico como pedagóxico.
As eTwinning School, que se seleccionan a través dunha convocatoria anual, son líderes da comunidade e teñen como mandato servir de inspiración e guía a outros centros. Neste liña, os seus órganos de dirección, coordinación e docencia recoñecen a importancia dos valores de eTwinning, integrándoos nas directrices do centro, nas súas prácticas docentes e nas súas vías de desenvolvemento profesional.
Centros eTwinning Schools en Galicia:
A Coruña | CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
EOI da Coruña (A Coruña) CPI Castro Baxoi (Miño) IES Plurilingüe de Ames (Ames) |
Lugo | IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) |
Ourense | EOI de Ourense |
Pontevedra | CEIP Manuel Vidal Portela (Pontevedra)
CEIP Plurilingüe Froebel (Pontevedra) IES Laxeiro (Lalín) CPI Domingo Fontán (Portas) |