As comidas son un dos principais focos de atención do Nadal e, para ensinar innovadoras elaboracións fáciles de replicar na casa, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal promove novamente as mostras de cociña. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, destaca o éxito acadado no pasado ano, polo que se decide continuar neste co obxectivo tamén de “aprender novas receitas, centrándonos no produto de proximidade, no produto de calidade que se vende na praza de abastos. ”
Dous cociñeiros de prestixio asumirán a tarefa de dar clases nos fogóns: no venres 13, con Luís Arijón, do Nojira; e no venres 27, da man de Iago Pazos, de Abastos 2.0. As persoas asistentes levarán tamén para a casa un receitario coas instrucións de preparación dos pratos.
Estes obradoiros impartiranse ás 19.00 horas, no mercado municipal, cun límite de 25 prazas cada un. As inscricións formalizaranse no enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com a partir do 5 de decembro. Deberanse proporciona-los seguintes datos: o nome, os apelidos, o teléfono de contacto e a xornada na que se quere participar. Unicamente se pode acceder a unha mostra, aquela indicada como preferencia. En caso de apuntarse nas dúas, quedarase en lista de agarda na restante, e, de haber vacantes, cubrirase por orde de reserva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.