Thursday 05 de December de 2024

O Concello inviste 133.000 euros para renovar o pavimento e a rede de saneamento na Xunqueira


· O proxecto permitirá pavimentar as rúas Fonte e Xunqueira e tamén dará solución aos vertidos que se producen á ría.

· O prazo de presentación de ofertas no perfil do contratante municipal remata o 18 de decembro.

O Concello de Camariñas sacou a licitación a obra para realizar unha actuación integral na zona da Zunqueira, na Ponte do Porto, concretamente para a renovación do pavimento nas rúas Fonte e Xunqueira e a mellora da rede de saneamento na zona.

O proxecto, que conta cun orzamento total de 133.181,82 euros e que está financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña, está publicado no perfil do contratante municipal e o prazo de presentación de ofertas remata o 18 de decembro.

Os traballos que se levarán a cabo consisten, por unha banda, na renovación do pavimento das rúas Fonte e Xunqueira, que actualmente se atopa moi deteriorado. Na zona na que existen vivendas catalogadas executarase un pavimento de lousas de pedra granítica e no resto será de formigón armado de cor gris escura.

O outro obxectivo do proxecto é mellorar a rede de saneamento da zona, moi antiga e que non dá servizo a algunhas das vivendas do lugar. Ademais, con este proxecto o Concello pretende dar solución aos vertidos que se producen á ría de Ponte do Porto.

Deja un comentario