O programa Concilia, Xogamos no mercado, Campus xuvenil e Campus tecnolóxico manterán moi ocupada á rapazada durante as vacacións
Este Nadal imos ter á rapazada moi ocupada. Á parte do amplísimo programa de actividades culturais e de ocio que temos en marcha, durante a época vacacional poremos en marcha diferentes actividades encamiñadas a facilitar a conciliación das familias: os Nadalcamps, promovidos desde as concellarías de Servizos Sociais e Igualdade, Mocidade e Innovación, Formación e Emprego.
Un dos recursos permanentes é o programa Concilia, que en períodos vacacionais sae dos centros escolares pero séguese prestando nas instalacións da empresa responsable do servizo. Os escolares de tres a doce anos que o utilizan durante todo o curso terán preferencia na adxudicación de prazas, pero este ano, por primeira vez, abrirase tamén a outras familias sempre que queden prazas dispoñibles. O horario é moi amplo, xa que non varía con respecto aos períodos lectivos. Deste xeito, os nenos e nenas poderán utilizar o servizo desde as 07.00 ata as 14.30 horas. As familias interesadas poden informarse no CIM (edificio de Servizos Sociais) ou chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460.
Para os nenos e nenas de tres a doce anos este ano organizamos Xogamos no mercado, un campamento que se desenvolverá na planta alta do mercado municipal os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro de 2024 e 2 e 3 de xaneiro de 2025, cun horario de 10.00 a 14.00. Ao longo desas dúas semanas, a rapazada participará en obradoiros de cociña e manualidades, xogos e outras actividades. Este ano ampliamos o número de prazas ata 100, divididas en quendas semanais de 50. As familias terán que indicar na inscrición a quenda preferente, pero, sempre que queden prazas, os nenos e nenas poderán participar nas dúas. As inscricións son de balde e poderán realizarse do 9 ao 16 de decembro a través do formulario que estará dispoñible en www.carballo.gal.
Para o Campus xuvenil, que se celebrará nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, o sistema é o mesmo, tanto no que se refire a datas coma a horario ou quendas. O único que varía é o número de prazas, que son 20, e o público destinatario, que son adolescentes de 12 a 16 anos. Ao longo das vacacións, os/as participantes realizarán xincanas, xogos deportivos e cooperativos, obradoiros de cociña, creativos, de cosmética, de téxtil… adaptados ás súas idades.
E este ano temos aínda unha opción máis: un Campus tecnolóxico para maiores de 16 anos que se desenvolverá nas instalacións da Aula CeMIT, situada no primeiro andar do Pazo da Cultura. A actividade centrarase no uso das redes sociais. A primeira semana (días 23, 24, 26 e 27 de decembro) traballarán sobre as imaxes en redes sociais: Fai que as imaxes falen por si mesmas. A segunda aprenderán a potenciar os contidos en redes a través do uso axeitado do deseño gráfico. Hai 20 prazas, e os mozos e mozas que teñan interese en participar deberán inscribirse do 9 ao 16 de decembro no Fórum Carballo (oficinas municipais – 2º andar).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.