O xurado profesional seleccionou as creacións de oito locais, dun total de 44 participantes, con dez tapas elixidas para ser finalistas: cinco na modalidade de ‘Tapa Creativa’ e cinco na de ‘Receitario Picadillo’
Os locais gañadores daranse a coñecer na entrega de premios que terá lugar o vindeiro 13 de decembro
A XX edición do Concurso de Tapas Picadillo, promovido polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrella Galicia, Cash Record e a Asociación de Celíacos de Galicia, xa ten finalistas. O xurado profesional seleccionou as creacións de oito dun total de 44 establecementos de hostalería da Coruña que optaban á mellor tapa da cidade. En total, 52 propostas gastronómicas das que se seleccionaron 10 como propostas de tapas finalistas, escollidas por persoas expertas do sector da gastronomía: cinco na modalidade ‘Tapa Creativa’ e cinco na de ‘Receitario Picadillo’.
Na primeira categoría, os locais e tapas seleccionadas son: MALTE Atochas cun ‘Falso risotto de chacina, berberecho e crema de foie-gras’; a Taberna Triay coa tapa ‘Triay Wonka’; o restaurante Intenso cos ‘Ovos recheos Galicia-Japón’; AMA Italiana Contemporánea cun ‘Ravioli recheo de ceboleiro e dátil’ e o restaurante La Conquista coa tapa ‘Falso xeado de cebiche’.
Na modalidade ‘Receitario Picadillo’ sobresaíron La Sifonería Gastrobar co seu ‘Polo en pepitoria’; MALTE Atochas coa súa proposta ‘Chapata de orella de porco con chutney de tomate picante’; Taberna Triay co ‘Buñuelo “a la vista”; MALTE Galera e o seu ‘Korokke galego’ e o Bar Quintela coa tapa ‘Orella crunchi’. Malte Atochas e Taberna Triay contan con dúas tapas finalistas ao participar en ambas as dúas modalidades. As tapas gañadoras daranse a coñecer na entrega de premios que terá lugar o vindeiro 13 de decembro.
Picadillo é o consurso de tapas máis antigo de Galicia. Este ano chega á súa vintena edición, coindicindo co 150 aniversario do nacemento de Manuel María Puga y Parga ‘Picadillo’, escritor, gastrónomo e político que escribiu en 1905 ‘La cocina práctica’. O Goberno de Inés Rey apoia a iniciativa como reforzo do posicionamento da Coruña como destino gastronómico.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.