A Deputación da Coruña ten en marcha desde outubro a programación Outono das Artes, a través da que se programaron mútliples espectáculos e actividades. Hai unhas semanas tivemos a proxección do documental “Bravú XXX” sobre este movemento musical e cultural que sacudiu Galicia nos anos noventa. E este xoves o programa provincial traerá a obra “Hugo”, dirixida á rapazada máis pequena do CPI de San Sadurniño. Será a partir das 12:00h na Casa da Cultura.
“Hugo é diferente, gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo todos os días. A Laia gústalle falar e coidar as súas plantas. Hugo ten TEA, trastorno do espectro do autismo. HUGO é, en definitiva, un encontro entre dúas persoas iguais con diferentes formas de comunicarse”.
Deste xeito resume a compañía Os Náufragos Teatro a obra que poderán ver as nenas e nenos máis pequenos do colexio na mañá este xoves. Unha peza para todos os públicos que aborda, coa máxima sensibilidade, as microdiscriminacións cotiás que viven as persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA).
“Hugo” non só reflicte situacións habituais, senón que tamén lle lanza ás nenas e nenos unha mensaxe sobre a empatía, a necesidade de comunicarnos e a importancia da diferenza, xa que “ser diferentes fainos grandes”.
A obra, premiada en 2022 nos María Casares, escribiuse con asesoramento de ASPERGA, a Asociación Galega de Síndrome de Asperger, e está interpretada por Jimmy Núñez no papel de Hugo e María Roja no de Laia, baixo a dirección de Gustavo del Río.
A representación durará arredor de 40 minutos e chegará a San Sadurniño gracias ao ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.