Na aposta de favorece-la compatibilización de vida persoal e laboral das familias, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal activa un obradoiro de conciliación para o Nadal como oferta habitualmente en días non lectivos e períodos vacacionais das crianzas da infantil e da primaria, segundo explicou a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos. A edil tamén relatou que se desenvolverán actividades centradas na temática propia destas datas, ademais da visita de Papá Noel, no 23 de decembro, e do paxe real, no 2 de xaneiro.
A axente da igualdade, Carolina Rodríguez, encargouse de explica-lo funcionamento desta prestación que transcorrerá no CEP Salustiano Rey Eiras, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro, ámbalas datas incluídas, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Tamén se ofrecen os servizos de Madruga e de Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.
O importe establécese nos 45 euros por nena/neno, cunha bonificación do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
A data límite de inscrición é o día 18 de decembro. O trámite formalizarase no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello. Máis información no teléfono de contacto 981832764, extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.
Este servizo conta con financiamento do Plan corresponsables do Ministerio de Igualdade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.