Friday 22 de November de 2024

A Xunta ten entre as súas premisas mellorar a situación das mulleres rurais impulsando unha igualdade real de oportunidades


Susana López Abella participou esta mañá na inauguración das Xornadas “Atrevete contigo mesma”, organizadas por Agaca, que tiveron lugar na Cooperativa Galega “Viña Costeira”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella avanzou hoxe que entre as premisas do goberno galego está mellorar a situación das mulleres rurais, polo que é fundamental entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

Susana López Abella participou esta mañá na inauguración das Xornadas “Atrévete contigo mesma”, organizadas por Agaca, que tiveron lugar na Cooperativa Galega “Viña Costeira”. (Valdepereira, s/n), é ás que tamén asistiron o presidente de Agaca, José Severino Montes e o presidente da Cooperativa Viña Costeira, Andrés Rodríguez Gómez.

Segundo palabras de López Abella, a finalidade das xornadas son acadar o empoderamento, tanto a nivel persoal como a nivel profesional, das mulleres socias vinculadas a cooperativas para que se animen a participar en ámbitos empresariais públicos, como a cooperativa da que forman parte.
A titular de Igualdade incidiu que hai que ter en conta que nas cooperativas son as mulleres en moitos casos as titulares das explotacións gandeiras, as que traballan e gobernan, e as que deberían participar con voto directo na asemblea da cooperativa, onde se dirimen as decisión empresariais máis importantes e que van afectar plenamente nas súas explotacións gandeiras.
A falta de oportunidades laborais e as dificultades para acceder a servizos de apoio e infraestruturas no medio rural, están na base dos principais problemas aos que se enfrontan as mulleres rurais. Non obstante, estas están particularmente formadas para impulsar e aproveitar os novos depósitos de emprego derivados da multifuncionalidade do medio rural e a súa modernización.
As emprendedoras rurais son exemplo de innovación, creatividade, lograron profesionalizarse e incorporarse ao mercado laboral, á vez que son motor da economía rural. Por iso, hanse de promover novos avances na corresponsabilidade social, que contribúan a deconstruir os vellos estereotipos que aínda perpetúan as desigualdades, pechar as brechas no ámbito laboral e apoiar a capacidade das mulleres para ocupar postos de decisión.