A asociación Andaina Pro Saúde Mental imparte na Pobra do Caramiñal un obradoiro de afrontamento para o crecemento persoal e a resiliencia enmarcado no seu programa Falamos?, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais. Veciñanza pobrense asiste a esta formación dividida en dúas sesións en quenda de mañá: a primeira, neste martes 3, e a segunda, no xoves 5.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, desprazouse ata a Casa da Mocidade para dárlle-la benvida ás persoas participantes. Quixo destaca-la importancia de poñer en marcha por parte da Administración local tódolos mecanismos precisos para dar resposta ás necesidades e problemáticas de ámbito social que xorden no día a día da cidadanía, nesta ocasión, a través dunha acción formativa que contribuirá á mellora do seu benestar e a xerar comunidade.
O dito taller estrutúrase como unha intervención grupal complementaria á atención individual que se ofrece dentro do programa. Foméntase a comprensión e o uso de estratexias de afrontamento para manexar diversas situacións de malestar ou estrés que aparecen ao longo da vida. Para tal fin, fortalécense as habilidades e recursos persoais para actuar ante un problema ou xestionar posibles situacións emocionais. Así mesmo, promóvese a escoita activa e axuda mutua, ademais de posibilita-la construción de relacións de confianza, incrementando a rede social de apoio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.